A terra e as prantas convértense en aliadas do envellecemento activo en Bergondo

ACoruñaXa
O programa municipal de Envellecemento Activo incorpora esta actividade nas instalacións do CFEA de Guísamo, onde as persoas participantes traballan coas plantas, aprenden técnicas de cultivo e comparten experiencias
BERGONDO envellecemento
17 Nov 2026

Cultivar plantas, traballar a terra e compartir coñecementos converteuse nunha nova forma de promover o benestar das persoas maiores de Bergondo. O programa municipal de Envellecemento Activo inclúe este curso unha actividade de Xardinería Terapéutica que está a ter unha boa acollida e que combina a aprendizaxe, a estimulación de capacidades e a convivencia.

As sesións desenvólvense nas instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo, cuxa colaboración está a permitir achegar este espazo formativo e ambiental á veciñanza do municipio. O Concello agradece a disposición do centro para abrir as súas instalacións e facilitar o desenvolvemento dunha proposta que tamén contribúe a dar a coñecer uns recursos que, malia atoparse en Bergondo, seguen a ser descoñecidos para parte da poboación.

Durante as actividades, as persoas participantes coñecen distintas especies vexetais, preparan substratos, realizan sementeiros e aprenden técnicas de cultivo e coidado das plantas. Porén, a iniciativa vai máis alá da formación en xardinería: o contacto coa natureza utilízase como ferramenta para favorecer o benestar físico, cognitivo e emocional.

Estimulación, aprendizaxe e relacións sociais

O traballo coas plantas contribúe a exercitar as capacidades cognitivas, sensoriais e motrices, ademais de favorecer a concentración, a atención e a memoria. Tamén permite desenvolver habilidades como a planificación, a paciencia e a responsabilidade, ao tempo que ofrece un espazo para expresar emocións, reducir o estrés e gozar dos resultados do propio traballo.

A actividade ten tamén unha importante dimensión social. As sesións convértense nun punto de encontro no que compartir coñecementos, intercambiar experiencias e establecer relacións. As persoas participantes non só adquiren novas aprendizaxes, senón que tamén achegan os seus propios saberes e recordos vinculados ao cultivo e ao coidado da terra, poñendo en valor a súa experiencia vital.

Desde o Departamento de Servizos Sociais consideran fundamental impulsar propostas que vaian máis alá de ocupar o tempo libre e que xeren oportunidades reais de participación, autonomía e mellora da calidade de vida. O obxectivo é favorecer que as persoas maiores manteñan un papel activo e protagonista na comunidade, en espazos onde poidan sentirse útiles e acompañadas.

A experiencia pon ademais de relevo a importancia da colaboración entre institucións e do aproveitamento dos recursos existentes no propio territorio. O Concello mantén así a súa aposta por un modelo de envellecemento activo que sitúa as persoas no centro das políticas sociais e que considera a participación, a convivencia e o benestar elementos esenciais para construír unha comunidade inclusiva e saudable.

0.15687918663025