A soidade non desexada centra o encontro dos Servizos Sociais Comunitarios no Pazo de Mariñán

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolleu este venres o XIII Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios, unha xornada na que preto dun centenar de profesionais e responsables políticos analizan os principais retos da atención social desde os concellos. A soidade non desexada entre as persoas maiores é un dos asuntos centrais desta edición, organizada como un espazo para compartir experiencias e coñecementos.
A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, inaugurou o encontro xunto á vicepresidenta do Consorcio das Mariñas e alcaldesa de Betanzos, María Barral, e á alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez.
Durante a apertura, García Vidal puxo en valor o traballo dos equipos municipais de servizos sociais, aos que definiu como a primeira porta de acceso á que acoden moitas persoas e familias cando necesitan apoio. A deputada incidiu na importancia de ofrecer unha atención próxima, baseada na escoita e no acompañamento, e lembrou que ese labor debe contar cos recursos e as condicións necesarias para desenvolverse.
A soidade non desexada ocupa un lugar destacado no programa. A xornada aborda como detectar as distintas formas de illamento, especialmente entre as persoas maiores, e como chegar a quen non pide axuda ou vai perdendo pouco a pouco o contacto coa vida da comunidade. O obxectivo é favorecer a recuperación dos vínculos sociais e crear espazos nos que estas persoas poidan sentirse parte da súa contorna.
A contratación pública e o traballo en equipo
O encontro tamén analiza a contratación pública e as consecuencias que as decisións administrativas teñen na atención diaria. García Vidal lembrou que cuestións como a continuidade dos servizos, os horarios ou a relación co persoal que acode aos domicilios inflúen directamente na vida das persoas usuarias.
O terceiro eixo da xornada é a intelixencia colectiva, entendida como a importancia de compartir a experiencia dos equipos profesionais e incorporar tamén a voz das persoas usuarias para mellorar os servizos sociais.
A deputada provincial reiterou o compromiso da Deputación da Coruña de acompañar os concellos, especialmente aqueles que dispoñen de menos recursos, e de ter en conta as achegas dos profesionais que coñecen de primeira man as necesidades da poboación.