A Semana da Tortilla enche Betanzos de sabor e premios

ACoruñaXa
A iniciativa combina degustacións, sorteos e o Premio Popular, mentres que a final para elixir a mellor tortilla será o domingo no Mercado Municipal
presentacion-semana-tortilla-betanzos-2026
13 Oct 2026

Betanzos prepárase para render homenaxe a un dos seus produtos gastronómicos máis recoñecidos coa celebración da XVI Semana da Tortilla, que comezará mañá, mércores 14 de outubro, e rematará o domingo día 18. A alcaldesa, María Barral, presentou hoxe esta nova edición acompañada por representantes dos doce establecementos hostaleiros que se suman á proposta.

Ao longo de cinco días, veciños e visitantes poderán degustar a tortilla de Betanzos nos negocios participantes, nunha iniciativa que pretende promover a gastronomía local e contribuír ao impulso da hostalería. Nesta ocasión participan Adega Lastras, Tortilla y Punto, Café Banca, A de Pedro Panadería, Mesón Café de Segundo, Cafetería Yocri, Mesón Avenida, Restaurante Casanova, Bar Galicia, Bar O Rabel, La Travesía Vinos e Restaurante ONZE.

Os locais estarán sinalizados co cartel oficial da Semana da Tortilla. Ademais, quen queira consultar os establecementos adheridos e obter información sobre a iniciativa poderá facelo a través da aplicación móbil GastroBetanzos, dispoñible para dispositivos Android e iOS.

A tapa de tortilla terá un prezo de 2,50 euros, mentres que a peza enteira custará 20 euros. O horario habitual para degustala será de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas. Os venres e sábados, o servizo de tarde prolongarase ata as 23.00 horas, aínda que algúns negocios poderán ofrecer horarios máis amplos.

A participación do público terá tamén un papel destacado nesta edición. As persoas que visiten cinco dos establecementos poderán rexistrar o seu paso selando o folleto informativo ou escaneando os códigos QR de cada local mediante GastroBetanzos. Deste xeito, entrarán no sorteo de distintos agasallos.

Entre os premios figuran tres experiencias gastronómicas para dúas persoas nun dos restaurantes da Biosfera certificados coa Marca de Calidade, unha iniciativa vinculada á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Tamén se sortearán tres lotes de produtos de merchandising de Coca-Cola e cinco vales de compra Acebecheques de 100 euros cada un, que poderán empregarse nos comercios asociados á ACEBE CCA.

Completar os cinco rexistros permitirá, ademais, votar pola tortilla favorita e participar na elección do establecemento gañador do Premio Popular da XVI Semana da Tortilla de Betanzos. Esta votación tamén poderá realizarse directamente a través da aplicación GastroBetanzos.

A elección da mellor tortilla contará de novo con dous xurados. O Semanal probará as elaboracións o xoves e o venres para seleccionar as cinco finalistas. A diferenza de edicións anteriores, a final celebrarase o domingo 18 a partir das 12.00 horas no Mercado Municipal do casco histórico.

Concurso de tortilla caseira

A programación inclúe tamén un concurso para elixir a mellor tortilla caseira. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o día 15 deste mes na Oficina de Turismo, en horario de 10.00 a 14.00 horas, ou mediante o correo electrónico eventos@betanzos.gal.

O certame terá lugar o sábado 17, ás 12.00 horas, no salón azul do edificio Liceo.

0.1473650932312