A semana da eclipse converterá a UDC nun punto de encontro internacional da física e a astronomía

A Universidade da Coruña situarase este verán no mapa internacional da investigación en astronomía, cosmoloxía e física solar. A institución acollerá do 10 ao 14 de agosto dous congresos internacionais coincidindo coa semana da eclipse solar do día 12, un fenómeno que converterá Galicia nun dos puntos de interese para a observación do ceo.
O Paraninfo da UDC será a sede do congreso ‘New Frontiers in Cosmology’, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, da Universidade de Berkeley, a Fundación Simons e a propia Universidade da Coruña. A cita reunirá na Reitoría a máis de 300 investigadores procedentes de distintos países para analizar os novos retos dunha disciplina en plena transformación.
O encontro chega nun momento clave para a cosmoloxía, impulsada pola enorme cantidade de datos xerados por experimentos como DESI, Euclid, Rubin ou o Observatorio Simons. Durante o congreso, os especialistas abordarán como as novas técnicas de análise de datos e o uso da intelixencia artificial están a abrir novas vías para comprender a evolución do universo.
Nas mesmas datas, o Centro de Investigación TIC (CITIC), no Campus de Elviña, acollerá a ‘Third Solar MHD Conference’, unha reunión científica centrada na física solar. O programa terá un enfoque especializado e práctico, con contidos sobre observacións de eclipses e da coroa solar, aplicacións de machine learning e big data á física solar e modelos de plasma multifluido.
A dimensión científica destas dúas citas irá acompañada dun programa divulgativo pensado para o público xeral. A Unidade de Divulgación Científica da UDC prepara varias actividades para explicar as claves da eclipse, ofrecer recomendacións de observación segura e axudar á cidadanía a comprender mellor un acontecemento astronómico excepcional.
A primeira proposta terá lugar esta semana, aproveitando que o 30 de abril a posición do Sol será practicamente a mesma que a prevista para o 12 de agosto, o que permitirá comprobar os mellores puntos de visión. A actividade está dirixida á comunidade universitaria e celebrarase o día 29 no Planetario da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas baixo o título ‘Navegando polas estrelas’, con Alsira Salgado e Ángel Arós.
A sesión combinará a posta en valor do planetario como recurso científico e didáctico coa explicación da astronomía vinculada á navegación e das claves da eclipse solar de agosto. Tamén se abordarán as medidas de seguridade necesarias para observar o fenómeno de maneira responsable.
A UDC completará esta liña divulgativa co episodio de Onda Ciencia ‘Cómo vivir unha eclipse? Que nos di astronomía?’, protagonizado por Ángel Arós, Xabier Pérez Couto, Alsira Salgado e Susana García Barros. Ademais, en xuño, o MUNCYT acollerá o obradoiro ‘Cando a Lúa apaga o Sol: a gran eclipse de 2026 na Coruña’, impartido por Xabier Pérez Couto, investigador predoutoral no CITIC e membro do Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial.
Con esta programación, a Universidade da Coruña busca aproveitar a expectación xerada pola eclipse para reforzar a divulgación científica e achegar á sociedade un fenómeno que combina interese astronómico, investigación de vangarda e observación segura do ceo.