A saturación dos buses tras unha festa no INEF reabre o debate sobre o transporte metropolitano

O BNG de Oleiros reclamará no pleno municipal máis planificación e coordinación entre administracións para evitar situacións de saturación no transporte público metropolitano como a rexistrada a semana pasada nas proximidades do INEF.
Segundo explica a formación nacionalista, a celebración dunha festa estudantil na zona provocou un importante aumento de desprazamentos, tanto en vehículos particulares como en autobús. A situación derivou en atascos, atrasos e saturación do servizo, con consecuencias tamén para as persoas que empregan habitualmente o transporte colectivo.
O BNG considera que este tipo de eventos son previsibles e que, cando contan con autorización ou instalacións específicas, as administracións deben compartir información con antelación para adaptar os servizos. A formación entende que un reforzo puntual das liñas podería reducir a presión sobre os buses e tamén limitar a entrada de vehículos privados en vías xa tensionadas, como a avenida Ernesto Che Guevara.
Desde o grupo municipal sinalan que a comarca da Coruña acolle con frecuencia actividades culturais, deportivas, universitarias ou festivas que modifican os fluxos habituais de mobilidade. Por iso, defenden a necesidade de establecer mecanismos áxiles de coordinación para responder a esas situacións sen prexudicar ás persoas usuarias do transporte público.
A formación nacionalista insiste en que o problema vai máis alá dun episodio concreto. Ao seu xuízo, as liñas e horarios do transporte metropolitano non están adaptados ás necesidades reais da cidadanía e tampouco existen sistemas de información en tempo real suficientemente útiles para anticipar incidencias.
O BNG levará de novo este asunto ao pleno de Oleiros para coñecer que medidas ten previsto adoptar o goberno local e que contactos manterá co resto de institucións implicadas. A formación defende que o transporte público da área metropolitana debe redeseñarse para ser unha alternativa eficaz ao coche privado, especialmente nunha contorna con infraestruturas viarias cada vez máis saturadas.