A saraibada deixa máis de 700.000 euros en perdas e o Concello de Curtis pedirá a declaración de zona afectada por emerxencia

O Concello de Curtis solicitará ás administracións públicas axudas para facer fronte aos importantes danos provocados pola intensa saraibada que afectou ao municipio nas últimas semanas. O pleno municipal aprobou este venres por unanimidade iniciar os trámites para pedir a declaración de zona afectada por emerxencia de protección civil e reclamar apoio económico para os particulares e o propio Concello.
Segundo os datos recompilados polo Goberno local, presentáronse un total de 175 solicitudes relacionadas cos danos ocasionados polo temporal, das que 136 corresponden a vivendas. Ademais, rexistráronse seis solicitudes de empresas, seis de comunidades de propietarios e catro de explotacións gandeiras.
Os principais desperfectos localízanse en cubertas, tellados e canalóns de vivendas, naves, almacéns e explotacións agropecuarias. Sumando tamén os danos sufridos por inmobles municipais, a valoración económica supera os 700.000 euros.
O Concello trasladará agora a petición ao Ministerio do Interior para que o Goberno poida valorar a declaración de zona afectada por emerxencia de protección civil, unha medida que permitiría aos afectados optar ás axudas previstas para este tipo de situacións. Ademais, o acordo inclúe a solicitude de colaboración económica tanto á Xunta de Galicia como á Deputación da Coruña.
Cambios urbanísticos e novos investimentos
Na mesma sesión plenaria aprobouse inicialmente a modificación puntual do Plan Xeral nos ámbitos APE-11 e APE-12 do núcleo urbano de Curtis, que pasarán de solo urbano non consolidado a consolidado, ao considerar que xa dispoñen dos servizos urbanísticos necesarios e están plenamente integrados na trama urbana. O acordo saíu adiante cos votos favorables do PP e a abstención do BNG.
O pleno tamén deu luz verde á segunda fase do POS+ Adicional 2026, que permitirá investir preto de 450.000 euros na rehabilitación de firmes en diferentes estradas municipais afectadas polo desgaste e polos danos provocados pola meteoroloxía do inverno. A proposta foi aprobada por unanimidade.
Ademais, a corporación fixou como festivos locais para 2027 o Martes de Entroido (9 de febreiro) e o día da Nosa Señora dos Remedios (8 de setembro). A sesión concluíu coa aprobación da Conta Xeral de 2025 e dunha moción de apoio á actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.