A roza de máis de 600 quilómetros de vías reforza a prevención contra incendios en Curtis

ACoruñaXa
O Concello mobiliza dous tractores e catro operarios nun dispositivo que se desenvolve desde o 25 de maio nas estradas e pistas forestais municipais
CURTIS rozas
1 Jun 2026

O Concello de Curtis puxo en marcha o pasado 25 de maio un amplo operativo de roza na rede viaria municipal co obxectivo de reducir o risco de incendios forestais e mellorar a seguridade nas estradas e pistas do municipio.

Os traballos abranguen máis de 600 quilómetros de vías asfaltadas e camiños forestais, despois de que previamente se acometese a limpeza das parcelas de titularidade municipal. A intervención céntrase especialmente nas marxes das vías e nas faixas próximas, onde a acumulación de vexetación pode favorecer a propagación do lume durante os meses de maior risco.

O dispositivo está formado por catro traballadores, organizados en dúas quendas, que cobren un horario de 6.00 a 22.00 horas. Para realizar estas tarefas empréganse dous tractores, ambos equipados con rozadoras, unha de brazo e outra de arrastre, o que permite actuar con maior rapidez e eficacia nos distintos puntos da rede viaria.

Desde o Concello subliñan que a chegada da época estival incrementa de maneira notable o perigo de incendios forestais, polo que manter limpas as beiravías resulta fundamental para protexer tanto os núcleos habitados como os espazos naturais.

Ademais da prevención fronte ao lume, a roza contribúe a mellorar a visibilidade nas estradas e a eliminar obstáculos que poden supoñer un risco para condutores e peóns.

0.12861585617065