A Romaría dos Castros reúne a unhas 6.000 persoas na súa edición máis multitudinaria

ACoruñaXa
A cita, celebrada no Parque de San Diego, contou cun histórico concerto de Luar na Lubre e cun amplo programa de música, tradición e actividades populares
luar-na-lubre
24 Jul 2026

A Romaría dos Castros pechou a súa edición de 2026 cunha participación de arredor de 6.000 persoas ao longo das tres xornadas celebradas no Parque de San Diego, converténdose, segundo a organización, na convocatoria máis multitudinaria da súa historia.

Organizada pola Asociación Veciñal e Cultural Oza Gaiteira Os Castros, a romaría volveu consolidarse como unha das principais citas da cultura popular galega no verán coruñés, cun programa que combinou música, tradición, gastronomía e actividades dirixidas a públicos de todas as idades.

O bo tempo favoreceu a asistencia de milleiros de persoas, que participaron nas diferentes propostas desenvolvidas ao longo da fin de semana. Entre elas figuraron alboradas, pasarrúas, xantares populares, xogos tradicionais e concertos, nun ambiente marcado pola participación da veciñanza e dos visitantes que se atopaban na cidade.

Un dos momentos máis destacados da programación chegou na noite do sábado co concerto de Luar na Lubre, que reuniu un numeroso público no Parque de San Diego. A actuación adquiriu un carácter especial ao coincidir co 40 aniversario da banda e celebrarse no barrio que a viu nacer.

Outro dos concertos que rexistrou unha importante afluencia foi o de Xurxo Fernandes, veciño dos Castros e unha das voces da música de raíz galega, que tamén formou parte da programación desta edición.

Desde a Asociación Veciñal e Cultural Oza Gaiteira Os Castros valoraron de forma moi positiva o desenvolvemento da romaría, destacando o ambiente familiar, a implicación da veciñanza e a elevada participación rexistrada durante as tres xornadas.

0.12487697601318