A retirada dos cans de Xora queda pendente dunha orde xudicial

A situación polos cans soltos no lugar de Xora, en Coirós, segue sen resolverse. Despois das denuncias veciñais dos últimos meses e da mobilización impulsada polas familias afectadas, unha nova tentativa para retirar os animais non puido completarse, segundo trasladan fontes da contorna, ao non permitirse o acceso á vivenda na que se atoparían.
A veciñanza explica que nos últimos días se intensificaron as xestións para poder actuar sobre os cans, que xa motivaran avisos, denuncias e preocupación na zona recreativa do río e na ponte de Xora. Segundo o relato dunha residente, as persoas e servizos mobilizados acudiron para proceder á retirada, pero a intervención quedou bloqueada porque a persoa responsable dos animais non abriu a porta nin autorizou que os levasen.
As mesmas fontes sinalan que agora se estaría á espera dunha orde xudicial que permita acceder ao inmoble e recoller os cans con todas as garantías legais. A medida sería necesaria ao non tratarse de animais abandonados na vía pública, senón de cans con propietario, o que limita a actuación inmediata das entidades de recollida e das autoridades sen autorización expresa ou resolución xudicial.
A veciñanza apunta tamén que os animais serían de razas consideradas potencialmente perigosas, entre elas American Staffordshire e Rottweiler, un extremo que reclaman que se comprobe dentro das actuacións abertas. Ademais, aseguran que unha das cadelas tivo recentemente cachorros e que a súa situación tamén preocupa aos residentes, que piden control sobre a tenza, a identificación e as condicións nas que se atopan os animais.
O conflito vén de lonxe. Nos últimos meses, residentes de Xora e usuarios da contorna do río denunciaron episodios de medo pola presenza dos cans soltos, algúns deles con familias e menores na zona. A Asociación de Veciños de Santa María de Ois xa advertira de que o problema non era puntual e falara de múltiples denuncias ante a Garda Civil.
O Concello de Coirós xa puxera os feitos en coñecemento das autoridades e anunciara denuncias ante a Garda Civil e a Fiscalía pola situación xerada. O alcalde, Francisco Quintela, insistira daquela en que a prioridade municipal era garantir a seguridade da veciñanza e evitar riscos nos espazos públicos.