?> A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas é o único destino galego no proxecto 'Paisaxes Sonoras' en ACoruñaXa

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas é o único destino galego no proxecto 'Paisaxes Sonoras'

ACoruñaXa
A iniciativa, impulsada pola Rede Española de Desenvolvemento Rural, promove a diversidade e o patrimonio cultural de diferentes comarcas españolas a través dun podcast
Imaxe da Igrexa de Betanzos
Imaxe da Igrexa de Betanzos
Redacción ACoruñaXa
25 abr 2024

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas vén de ser o único destino en Galicia seleccionado pola Rede Española de Desenvolvemento Rural (REDR) para participar no seu proxecto ‘Paisaxes Sonoras’. Esta iniciativa consiste nun podcast que descobre aos seus oíntes diferentes comarcas rurais de España.

O proxecto consta de 15 episodios de 20 minutos, cada un dedicado a unha localización, nos que se pon en valor a diversidade e o patrimonio cultural e social de cada lugar. Así, transpórtase aos oíntes destacando a beleza das paisaxes, a riqueza patrimonial ou a hospitalidade da xente que habita cada territorio.

O equipo de ‘Paisaxes Sonoras’ xa visitou algúns dos territorios da Reserva de Biosfera, realizando gravacións e entrevistas co obxectivo de transmitir a autenticidade da nosa contorna e promocionalo en toda España. Tamén se poñerá en valor, ademais da o territorio, a Marca de Calidade e a todo o empresariado local certificado baixo esa marca.

O presidente da Reserva de Biosfera, José Antonio Santiso, destaca “a gran oportunidade que supón para nós poder aparecer nun programa de alcance nacional e desta calidade, podendo chegar a potenciais visitantes de todo o territorio nacional e que queiran vir descubrir todo o noso potencial en persoa”.

Agradeceu a oferta da Rede Española de Desenvolvemento Rural e aproveitou para “convidar a nosa reserva a todas aquelas persoas que queiran gozar dunha forma de turismo diferente, concienciada co medio ambiente e que pon en valor os produtos locais, cun selo de calidade certificado que garante a excelencia”.