A reitoral de Loureda encamiña a súa nova vida como centro sociocultural en Arteixo

A casa reitoral de Loureda está máis preto de converterse nun novo espazo para a vida social da parroquia. O proxecto impulsado polo Concello de Arteixo busca transformar o inmoble nun centro sociocultural para a veciñanza, cun calendario que sitúa o comezo das obras no último trimestre de 2026 e a posta en servizo do recinto a mediados de 2027, unha vez rematado un prazo de execución previsto de sete meses.
A actuación parte dun convenio asinado co Arcebispado de Santiago para a cesión de uso do edificio, formalizado en 2015 por un período de 30 anos, prorrogable de cinco en cinco. Ese acordo permitiu abrir o camiño para unha intervención largamente agardada en Loureda, onde a demanda dun espazo veciñal leva anos sobre a mesa.
Segundo o deseño avanzado para a rehabilitación, o inmoble combinará dous usos diferenciados e con accesos independentes. Por unha banda, reservarase unha zona parroquial con vivenda para o párroco. Pola outra, habilitarase o novo centro social, distribuído en dous andares e dotado de sala multiusos, aseos e ascensor, un elemento que conta co visto e prace de Patrimonio e que permitirá garantir a accesibilidade integral do edificio.
O proxecto suporá un investimento global de 600.000 euros, sufragado a partes iguais entre a administración autonómica e o Concello. A maiores do valor funcional da actuación, a intervención permitirá recuperar un inmoble con interese patrimonial, xa que a reitoral de Loureda figura descrita como unha construción de estilo predominantemente barroco, de tipoloxía rural e rodeada por un alto muro de peche.
O conxunto complétase con parcelas anexas de gran tamaño, entre elas unha horta con abundantes árbores froiteiras que ocupa arredor de 2.600 metros cadrados. Esa contorna exterior reforza a idea dun futuro recinto aberto á comunidade, pensado non só para acoller actividade social e cultural, senón tamén para gañar un novo punto de encontro nunha parroquia que leva tempo reclamando máis dotacións.
A rehabilitación da reitoral chega, ademais, nun momento no que Loureda segue a ser un dos enclaves patrimoniais máis destacados de Arteixo. De feito, a igrexa parroquial e a propia casa reitoral foron sinaladas recentemente como os dous elementos do municipio con máis opcións de acadar a condición de ben de interese cultural, o que engade peso simbólico a unha obra chamada a combinar conservación e uso veciñal.