A reforma dos Servizos Sociais de Bergondo avanza cun investimento de máis de 225.000 euros

ACoruñaXa
As obras mellorarán a atención á veciñanza, crearán novos despachos e reducirán o consumo enerxético do edificio municipal
BERGONDO obras servizos sociales
18 Jun 2026

As obras de rehabilitación enerxética e reforma integral do edificio municipal de Servizos Sociais avanzan a bo ritmo cun investimento de 225.348 euros financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña. A actuación busca modernizar unhas instalacións fundamentais para a atención á cidadanía, mellorando tanto a funcionalidade dos espazos como a eficiencia enerxética do inmoble.

O proxecto responde á necesidade de adaptar o edificio ás demandas actuais do servizo, tanto para o persoal municipal como para as persoas usuarias. Máis alá dunha renovación estética, os traballos céntranse na reorganización interior das dependencias e na actualización das instalacións co obxectivo de ofrecer unha atención máis áxil, cómoda e eficiente.

Un dos principais focos da intervención atópase na planta baixa, onde se está a reorganizar a zona de recepción e atención ao público. Esta actuación permitirá incrementar a privacidade das consultas e mellorar a fluidez na prestación do servizo. Ademais, habilitaranse dous novos despachos destinados a reforzar a atención ás necesidades da veciñanza e optimizar o traballo diario do persoal.

Pola súa banda, a planta semisoto está a ser transformada para diferenciar os seus usos. O espazo, que ata agora funcionaba como unha zona diáfana destinada a almacén e garaxe, quedará dividido en dous locais independentes. Os traballos inclúen tamén a instalación dun novo portalón metálico abatible na fachada posterior para facilitar o acceso desde a parcela.

A mellora da eficiencia enerxética constitúe outro dos eixos centrais da actuación. As obras contemplan o reforzo do illamento interior dos teitos, a instalación de sistemas de ventilación con recuperador de calor, a incorporación dun novo sistema de climatización mediante aerotermia e a mellora da protección solar do edificio mediante lamas de aluminio e novas cortinas técnicas. Tamén se adaptará a carpintería exterior para permitir a apertura oscilobatente das fiestras.

O proxecto completarase coa limpeza, reparación e pintado das fachadas exteriores, así como coa mellora da impermeabilización en distintos puntos do inmoble.

Desde o goberno local destacan que esta actuación combina a mellora da funcionalidade, a accesibilidade e a calidade arquitectónica coa eficiencia enerxética, reafirmando o compromiso municipal coa modernización dos servizos públicos e a mellora continua das instalacións ao servizo da cidadanía.

0.12663912773132