A recuperación do Río Maior centrará o esforzo inversor do novo orzamento de Sada

O Concello de Sada quere facer do proxecto do Río Maior unha das actuacións clave do mandato. O Orzamento municipal de 2026 sitúa esta intervención como a principal aposta no ámbito das obras e infraestruturas, cunha achega de 487.500 euros por parte do Concello, correspondente ao 50% do custo previsto para este ano. A actuación será cofinanciada coa Xunta de Galicia, que xa ten consignada a súa parte nas contas autonómicas.
A proposta, que será presentada nas vindeiras semanas, busca avanzar na recuperación e naturalización do Río Maior, un espazo chamado a gañar protagonismo na transformación ambiental e urbana do municipio. O obxectivo é mellorar a súa integración paisaxística, recuperar a contorna para uso público e reducir os riscos derivados do seu estado actual.
O proxecto chega acompañado dun paquete máis amplo de investimentos en servizos básicos. No eido do saneamento, o Concello prevé destinar 55.000 euros a melloras na rede, mentres que o abastecemento contará con máis de 60.000 euros para a renovación e ampliación das infraestruturas de auga.
As vías públicas tamén terán peso nas contas municipais. O orzamento incorpora 165.000 euros para o acondicionamento de camiños, ademais doutras partidas dirixidas á conservación de vías urbanas e á mellora da seguridade viaria en distintos puntos do termo municipal.
Outro dos bloques destacados é o reforzo dos medios de seguridade e emerxencias. O Concello prevé máis de 200.000 euros para maquinaria e vehículos, entre eles unha bomba de gran capacidade para actuar en inundacións, un excarcerador portátil e un vehículo escala. Tamén se inclúe novo equipamento para o SEM e a Policía Local, como un etilómetro, ademais da instalación de cámaras de tráfico.
Desde o Goberno local defenden que as contas combinan proxectos de transformación a medio prazo, como o Río Maior, con actuacións máis inmediatas pensadas para mellorar a vida diaria da veciñanza. A planificación, sosteñen, busca avanzar cara a un municipio máis moderno, sostible e accesible.