A presión comercial na banca leva á CIG ás portas de varias oficinas na Coruña

ACoruñaXa
O sindicato iniciou onte unha campaña para denunciar despedimentos, peches de sucursais, sobrecarga laboral e a venda de produtos financeiros baixo obxectivos cada vez máis esixentes
A CORUÑA folga bancos
20 May 2026

A CIG-Banca iniciou onte na Coruña unha campaña de mobilizacións contra a presión comercial no sector financeiro e en defensa dun modelo de banca 'socialmente responsábel'. Delegadas e delegados do sindicato realizaron unha protesta itinerante por oficinas do BBVA, Abanca, Banco Santander e Banco Sabadell para denunciar a situación laboral que, aseguran, sofre o persoal das entidades.

A central sindical sostén que os bancos manteñen beneficios millonarios mentres reducen servizos á clientela, pechan oficinas, destrúen emprego e incrementan a carga de traballo dos cadros de persoal. Baixo o lema 'a presión comercial é acoso laboral', a CIG criticou que as entidades impoñan obxectivos comerciais cambiantes e cada vez máis difíciles de cumprir, centrados na colocación de produtos financeiros que, segundo denuncian, non sempre responden ás necesidades da clientela.

A xornada de protestas rematou diante da oficina principal de Abanca, onde a organización rexeitou o despedimento dunha delegada da CIG no comité de Pontevedra. O sindicato considera que se trata dunha decisión represiva vinculada á súa actividade sindical e ao seu papel na defensa dos dereitos laborais dos seus compañeiros.

Durante as mobilizacións tamén se denunciou o despedimento dunha traballadora do Banco Santander que prestaba servizo na oficina de Cedeira. A CIG cualifica a medida de inxustificada e enmárcaa nunha estratexia da entidade para reducir persoal a través de despedimentos disciplinarios e continuar coa diminución da rede de oficinas.

A organización sindical advertiu ademais de que a presión para cumprir obxectivos comerciais está a provocar prolongacións de xornada que, segundo denuncia, non se pagan, non se cotizan e non se rexistran. A isto súmanse, afirma, ameazas de despedimento ou traslado cando as vendas non acadan os niveis marcados polas direccións.

A CIG sostén que esta dinámica afecta directamente á saúde das traballadoras e traballadores do sector, ao converter o día a día laboral nun escenario de tensión continuada. Por iso, reclamou a intervención dos organismos supervisores, do Ministerio de Economía e da Xunta de Galicia para frear uns abusos que, segundo o sindicato, se teñen normalizado dentro do sector bancario.

0.13328909873962