A preocupación aumenta en Coirós tras aparecer de novo cans soltos xunto ás vivendas

ACoruñaXa
Os animais achegáronse ás portas e ventás de varias casas, obrigando a algúns veciños a refuxiarse no interior mentres continúa a espera dunha solución
COIROS cans agresivos
18 Jul 2026

O problema dos cans soltos no lugar de Xora, na parroquia de Santa María de Ois, continúa sen resolverse e suma agora un novo episodio que incrementa a preocupación entre a veciñanza. Despois de meses de avisos sobre a presenza habitual destes animais na contorna, os cans achegáronse nos últimos días ás portas e ventás de varias vivendas, obrigando a algúns residentes a refuxiarse no interior das súas casas.

Segundo relatan os afectados, dous dos animais chegaron ata unha vivenda na que había varias ventás abertas. A propietaria decatouse da súa presenza grazas aos ladridos do seu can e pechou inmediatamente as fiestras, mentres os cans permanecían a escasos metros da casa. Pouco despois, desprazáronse ata outra vivenda próxima, onde os residentes tamén tiveron que entrar rapidamente no interior ao velos achegarse á porta. Os animais abandonaron a zona cando eles mesmos decidiron marchar.

A situación repetiuse días despois, cando un mozo que se atopaba no exterior da súa casa tivo que correr cara ao interior ao ver como os cans se dirixían cara a el. Os veciños aseguran que viven en constante alerta e que evitan permanecer no exterior ou pasear con tranquilidade por medo a atoparse cos animais.

O caso arrástrase desde hai meses. En decembro de 2025 o Concello de Coirós xa alertara da presenza de tres cans con propietario que deambulaban sen control pola zona, mentres que en febreiro deste ano a preocupación aumentou tras novos altercados e a intervención das administracións competentes. En maio, unha tentativa para retirar os animais non puido completarse, quedando a actuación pendente dunha orde xudicial, polo que a situación continúa sen resolverse.

0.1497790813446