A praza de María Pita acollerá cinco concertos durante a Semana Clásica 2026

ACoruñaXa
Será do 18 ao 23 de agosto, durante as Festas de María Pita, con concertos gratuítos que percorrerán a música sinfónica, a ópera, o repertorio americano e as bandas sonoras
Imaxe das festas de María Pita na Coruña
16 Aug 2026

A praza de María Pita volverá ser escenario da Semana Clásica, unha das principais propostas das Festas de María Pita 2026, que ofrecerá cinco concertos gratuítos entre o 18 e o 23 de agosto. As actuacións comezarán ás 21.00 horas e reunirán diferentes formacións musicais da Coruña e Galicia con propostas que van desde a música sinfónica e operística ata a música cinematográfica.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou o papel desta programación para achegar a música clásica á cidadanía e poñer en valor o talento musical local. “A Semana Clásica é unha das grandes tradicións culturais das Festas de María Pita e unha oportunidade para achegar a música clásica a toda a cidadanía nun espazo aberto e accesible. Reúne ás mellores formacións da Coruña e amosa o extraordinario nivel artístico que existe na nosa cidade”, sinalou.

A primeira actuación será o martes 18 de agosto, a cargo da Orquestra Gaos, que presentará ‘Boleros Sinfónicos’. A proposta contará cos tenores Celso Albelo e Pancho Corujo e coa soprano Candelaria Hernández para realizar un percorrido por diferentes clásicos do xénero.

O mércores 19 será a quenda da Orquestra de Cámara de Galicia, que interpretará ‘Una noche española’, cun programa composto por obras de Rogelio Groba, Isaac Albéniz, Enrique Granados e Manuel de Falla. A formación estará dirixida por Rogelio Groba Otero e contará coa participación do pianista Pablo Diago Busto.

Tras unha xornada de descanso o día 20, a programación retomarse o venres 21 coa Xoven Orquesta Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Alejandro Posada. O seu espectáculo, ‘América, un percorrido musical polo continente americano’, incluirá composicións de Leonard Bernstein, José Pablo Moncayo, Arturo Márquez, Alex Tovar, Santiago Castellanos e Alberto Ginastera.

O sábado 22 chegará a actuación da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Roberto González-Monjas e coa participación do pianista Javier Perianes. O concerto estará dedicado a Manuel de Falla con motivo do 150 aniversario do seu nacemento e combinará obras do compositor gaditano con pezas de Fernando Buide e Joaquín Turina.

A Semana Clásica rematará o domingo 23 coa Banda Municipal de Música da Coruña e o espectáculo ‘Grandes corais de película’. A formación estará acompañada pola Coral El Eco, o Coro Gaos, o grupo de gaitas de Cántigas da Terra e a cantante coruñesa Irene Cerqueiro. En total, serán máis de cen músicos e intérpretes sobre o escenario.

O concerto de clausura incluirá bandas sonoras de películas como ‘Titanic’, ‘O bo, o feo e o malo’, ‘Excalibur’, ‘O mago de Oz’ e ‘Mar adentro’, acompañadas de proxeccións audiovisuais de gran formato.

“Estamos ante unha das programacións máis ambiciosas da Semana Clásica dos últimos anos. É unha mostra do compromiso do Goberno de Inés Rey coa música, coa creación artística e co apoio ás entidades culturais da cidade, que volverán ofrecer ao público cinco noites excepcionais na praza de María Pita”, concluíu o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

0.1241090297699