A plantilla da refinería sae á rúa contra os recortes e reclama investimentos a Repsol

O persoal da refinería da Coruña mobilizouse este mércores para denunciar os recortes de plantilla, o empeoramento das condicións laborais e a falta dun plan de investimentos que garanta o futuro do complexo industrial. A protesta, convocada pola CIG, comezou ás 14.30 horas diante da porta principal das instalacións e continuou cunha marcha ata a rotonda de Meicende, antes de regresar ao punto de saída arredor das 15.30 horas.
A central sindical asegura que a mobilización responde ao malestar crecente entre os traballadores e traballadoras pola política laboral aplicada por Repsol. A decisión chegou despois de varias asembleas coa plantilla, nas que tamén se acordou iniciar os trámites para convocar unha folga a finais deste mes de maio.
Desde a sección sindical da CIG alertan de que a situación interna se está a deteriorar de maneira progresiva. Denuncian que as prolongacións de xornada de 12 e 16 horas están a converterse nunha práctica habitual e sosteñen que esta realidade é consecuencia directa da falta de persoal suficiente e dunha organización que cualifican de improvisada.
Un dos puntos que máis preocupación xerou nas últimas semanas foi a situación na unidade de Coque, onde, segundo a CIG, se produciron recortes de persoal sen unha explicación clara sobre como se van garantir as condicións de seguridade nin como se desenvolverán determinados procedementos operativos. Para o sindicato, este caso exemplifica a falta de planificación coa que a empresa está a tomar decisións no complexo.
A protesta tamén puxo o foco no futuro industrial da refinería. A CIG reclama a Repsol un plan inmediato, público e con garantías, que inclúa investimentos reais nas instalacións da Coruña e que permita afrontar a transición enerxética sen destrución de emprego nin precarización das condicións de traballo.
O sindicato chama ao conxunto da plantilla a manter a presión e a dar unha resposta contundente fronte a unhas medidas que, ao seu xuízo, aumentan a tensión laboral e poñen en risco tanto o emprego como a seguridade no día a día da refinería.