A pegada de Begoña Caamaño centra a homenaxe da UDC polas Letras Galegas

ACoruñaXa
A Universidade da Coruña celebrará o 22 de maio un acto no Paraninfo da Reitoría e presentará o libro 'De Esmelle a Ítaca'
A CORUÑA udc paraninfo
17 May 2026

A Universidade da Coruña (UDC) sumase á celebración das Letras Galegas 2026 cun acto académico e cultural dedicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño, unha das voces máis destacadas da literatura galega contemporánea. A cita terá lugar o venres 22 de maio, a partir das 11.00 horas, no Paraninfo da Reitoría, na Coruña.

A xornada abrirase coa intervención institucional do reitor da UDC, Ricardo Cao; da vicerreitora de Igualdade e Diversidade, Cristina López, e da vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya. A continuación, Ana Romaní afondará na figura de Caamaño a través dun relatorio centrado na súa biografía e na súa traxectoria xornalística.

O programa continuará coa participación da escritora Marga Romero, que analizará a creación literaria da autora homenaxeada e a relevancia da súa obra dentro das letras galegas. Tamén intervirá Carme Pérez Sanjulián nun acto que busca poñer en valor tanto a dimensión literaria como o compromiso xornalístico de Begoña Caamaño.

A celebración incluirá ademais a entrega dos premios do I Certame Literario da Universidade Sénior 'Fíos da memoria', convocado no marco do 25 aniversario deste programa da UDC. O obxectivo do certame é impulsar a creatividade literaria e dar visibilidade ao alumnado sénior.

Un dos momentos centrais da homenaxe será a presentación de 'De Esmelle a Ítaca', unha publicación editada polo Servizo de Publicacións da UDC e asinada por Emma Pedreira e María Besteiros. A obra propón unha lectura crítica e creativa da pegada de Caamaño na escritura mítica feminista, afastándose dunha visión simplemente conmemorativa.

O libro parte das novelas 'Morgana en Esmelle' e 'Circe ou o pracer do azul' para dialogar coa produción narrativa da autora. Pedreira e Besteiros abordan cuestións clave no pensamento literario de Caamaño, como a reescritura feminista dos mitos artúricos e clásicos, a revisión dos relatos patriarcais e a recuperación de voces femininas silenciadas pola tradición.

Con esta programación, a UDC quere recoñecer a contribución de Begoña Caamaño á cultura galega e reivindicar unha obra que continúa aberta a novas lecturas desde a literatura, o feminismo e o xornalismo.

0.13664698600769