A PAU mobilizará máis de 3.800 estudantes nas sedes da Universidade da Coruña

ACoruñaXa
As probas comezarán o martes 2 de xuño co exame de Lingua Castelá e rematarán o xoves 4, mentres que as notas provisionais coñeceranse o día 11
A CORUÑA pau udc
31 May 2026

Máis de 3.800 estudantes afrontarán a vindeira semana as Probas de Acceso á Universidade nas sedes vinculadas á Universidade da Coruña. En total, serán 3.813 aspirantes os que se examinarán entre o martes 2 e o xoves 4 de xuño nunha convocatoria que marcará o paso previo á entrada nos estudos universitarios.

A maior parte do alumnado corresponde ao LERD da Coruña, con 2.981 estudantes matriculados. Deles, 2.855 realizarán os exames en facultades e escolas da UDC, mentres que outros 126, procedentes de centros de Cee e Zas, farano no IES Agra de Raíces de Cee. No campus de Ferrol examinaranse 832 persoas.

A primeira xornada comezará o martes ás 09.00 horas coa presentación do proceso, na que o alumnado recibirá as indicacións necesarias para o desenvolvemento das probas. O primeiro exame será o de Lingua Castelá e Literatura II. A convocatoria ordinaria finalizará o xoves día 4 ás 13.00 horas.

Na Coruña habilitaranse seis centros universitarios para acoller os exames. No campus de Elviña estarán a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e as facultades de Dereito, Informática e Economía e Empresa. Na Zapateira, as probas desenvolveranse na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica e na Facultade de Filoloxía. En Ferrol, o alumnado repartirase entre a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e a Facultade de Humanidades e Documentación.

Tamén haberá comisións específicas para atender o alumnado con necesidades de apoio educativo. No campus coruñés estarán adscritas á Facultade de Economía e Empresa e, no caso de Ferrol, á Escola Politécnica de Enxeñaría.

Como vén sucedendo desde 2019, empregaranse dispositivos de detección de radiofrecuencias nas aulas para garantir a igualdade de condicións durante os exames. Ademais, o profesorado das comisións poderá solicitar a inspección de elementos como gafas, calculadoras, bolígrafos ou outros obxectos. A posesión de dispositivos electrónicos non permitidos dentro da aula suporá a expulsión da proba.

As cualificacións provisionais publicaranse o 11 de xuño na páxina web da CIUG, mentres que as definitivas estarán dispoñibles o día 18. Para o alumnado que aprobe Bacharelato nas recuperacións ou non supere a proba ordinaria, a convocatoria extraordinaria celebrarase entre o 30 de xuño e o 2 de xullo.

0.11673283576965