A paisaxe mariña de Arteixo inspira a segunda edición do certame 'Mar de Sorrizo'

O Centro Mar de Sorrizo abreu este luns, 25 de maio, o prazo para participar na segunda edición do Certame de Pintura e Debuxo 'Mar de Sorrizo', unha iniciativa cultural que busca fomentar a creatividade artística a partir do patrimonio marítimo e litoral de Arteixo.
O concurso está dirixido a persoas residentes en calquera punto do territorio nacional e contará con dúas categorías. A primeira estará destinada a menores de 16 anos, que deberán presentar autorización da súa persoa titora legal, mentres que a segunda será para participantes maiores de 16 anos.
Cada persoa poderá presentar unha única obra, que deberá ser orixinal, inédita e non premiada nin presentada anteriormente noutros certames. As creacións deberán estar inspiradas no mar e na costa arteixá, incluíndo paisaxes, fauna, flora, praias, litoral ou elementos vinculados á tradición mariñeira local.
As obras poderán realizarse con técnicas como óleo, acrílico, lapis, carboncillo, pastel ou técnicas mixtas, con tamaño libre. Non se admitirán creacións dixitais nin traballos realizados con intelixencia artificial.
O prazo de recepción permanecerá aberto ata o 19 de xuño. As obras poderán entregarse de forma presencial ou enviarse ao Centro Mar de Sorrizo, en horario de 10.30 a 13.30 horas de martes a venres, e tamén sábados e domingos na mesma franxa horaria.
O certame establece tres premios por cada categoría. Ademais, todas as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo e as obras seleccionadas formarán parte dunha exposición no Centro de Interpretación, que se inaugurará o 3 de xullo, coincidindo coa entrega dos galardóns.
A iniciativa está promovida polo Concello de Arteixo e financiada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura e pola Consellería do Mar, a través das axudas xestionadas polo GALP Golfo Ártabro Sur. As persoas interesadas poden solicitar máis información no correo certamenmardesorrizo@gmail.com ou no teléfono 981 138 225.