A oposición forza un pleno extraordinario en Oza Cesuras polo corte de auga potable en Cesuras

ACoruñaXa
BNG, PSOE e a concelleira non adscrita reclaman explicacións ao Goberno local, medidas urxentes para garantir o abastecemento e unha revisión da rede municipal
OZA CESURAS solicitude pleno extra
5 Aug 2026

Os tres grupos da oposición no Concello de Oza Cesuras solicitaron a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar a situación provocada polos cortes no subministro de auga potable na zona de Cesuras, despois de que numerosos veciños levasen varios días sen poder consumir auga da rede.

A petición está asinada polo BNG, o PSOE e a concelleira non adscrita Mónica Aceytuno, que reúnen o número de concelleiros necesario para forzar a celebración da sesión plenaria. Segundo explican, o obxectivo é que o Goberno municipal informe sobre as causas da avaría, o estado dos traballos de reparación e os prazos previstos para restablecer completamente o servizo.

Desde o PSdeG-PSOE de Oza Cesuras consideran "inadmisible" que a veciñanza leve tantos días sen acceso a auga potable e esixen ao alcalde que ofreza explicacións inmediatas sobre a situación. Os socialistas subliñan que a gravidade da incidencia fai necesaria unha resposta pública por parte do Goberno local, tanto para informar dos motivos da avaría como das actuacións que se están levando a cabo para solucionar o problema.

Pola súa banda, a portavoz do BNG, Estefanía Busto, criticou a falta de información facilitada polo executivo local e asegurou que a veciñanza leva máis de catro días sen auga apta para o consumo sen recibir explicacións nin un calendario claro para a resolución do problema.

No escrito presentado, os grupos da oposición solicitan que o Concello habilite de forma inmediata camións cisterna con auga potable para abastecer os núcleos afectados mentres non se normalice o servizo. Tamén reclaman que se informe con total transparencia sobre a evolución dos traballos de reparación e que se comuniquen os prazos previstos para a restitución completa do abastecemento.

Ademais, a oposición pide que se aplique automaticamente un desconto na factura da auga correspondente aos días nos que o servizo permaneceu interrompido e que se realice unha avaliación técnica do estado da rede municipal de abastecemento para identificar posibles deficiencias e executar as melloras necesarias que eviten novas incidencias deste tipo.

O escrito tamén considera imprescindible que, mentres non se restableza completamente o servizo, se adopten medidas provisionais para atender á veciñanza afectada e que tanto o Concello como a empresa concesionaria informen con detalle das actuacións realizadas desde o inicio da incidencia.

Finalmente, o BNG considera que tamén debe analizarse o cumprimento das obrigas da empresa concesionaria Espina y Delfín, responsable da xestión do servizo desde a privatización do abastecemento no antigo Concello de Cesuras, ao entender que corresponde avaliar se se realizaron correctamente os labores de mantemento, control e conservación recollidos no contrato.

0.12746691703796