A oposición á planta de biogás de Soandres chega ao Pleno de Culleredo

ACoruñaXa
O BNG reclama que a Corporación se posicione contra un proxecto situado nos límites coa parroquia da Veiga e alerta do seu posible impacto ambiental, hídrico e social
CULLEREDO megafactoria biogás soandres
28 Apr 2026

O BNG de Culleredo levará ao Pleno municipal o proxecto de planta de biogás previsto en Soandres, na Laracha, ao entender que a instalación pode ter efectos directos sobre a parroquia cullerdense da Veiga e sobre unha contorna rural situada preto de cursos fluviais sensibles. A formación presentou unha moción urxente para reclamar un posicionamento institucional contrario a unha infraestrutura que considera sobredimensionada e cun escaso retorno para a veciñanza.

A planta, promovida por Bioenergía A Coruña, S.L.U., atópase en fase de información pública. Segundo a documentación publicada pola Xunta, o proxecto consiste na valorización de residuos orgánicos de procedencia agrogandeira e da industria alimentaria mediante dixestión anaerobia, coa finalidade de producir biometano para a súa inxección na rede de gas. O expediente prevé procesar un máximo de 63.500 toneladas anuais de residuos orgánicos, das que 6.500 toneladas serían residuos Sandach de categoría 3.

O BNG advirte de que a iniciativa ocuparía solo rústico nunha zona próxima ao río Anllóns e ao nacemento do río Valiñas. Na súa moción, a formación alerta do consumo de auga previsto, da xeración de efluentes líquidos e dixestato sólido, do incremento do tráfico pesado por estrada e dos riscos asociados á actividade. Tamén cuestiona que unha instalación que funcionaría de maneira continuada poida xerar un número reducido de empregos directos.

Posicionamento municipal e dos grupos

A preocupación polo proxecto xa se trasladou a outros ámbitos institucionais. O Goberno local de Culleredo manifestou o seu rexeitamento á planta pola posible afección ao contorno rural e natural, e anunciou que traballa na preparación de alegacións ao considerar que a localización non é axeitada para unha infraestrutura destas características. O alcalde, José Ramón Rioboo, tamén abordou o asunto co rexedor de Cerceda para impulsar unha fronte común en defensa dos intereses veciñais.

Tamén se posicionaron outros grupos. Alternativa dos Veciños en Culleredo anunciou que solicitará información detallada ao Goberno local sobre o procedemento e as posibles repercusións no municipio, ademais de reclamar que se facilite á veciñanza información clara sobre os prazos e a presentación de alegacións. O grupo expresou o seu apoio ás demandas veciñais e defendeu que esta contorna non é o lugar axeitado para unha instalación industrial deste tipo.

Pola súa banda, o PSdeG da Laracha reclamou a creación dunha comisión de traballo con representantes da plataforma veciñal, asociacións e grupos políticos para trasladar directamente á Xunta o rexeitamento social ao proxecto. A formación socialista pide unha interlocución directa coa Consellería de Medio Ambiente e insiste en que a veciñanza afectada debe participar no proceso sen quedar á marxe das decisións.

O debate tamén chegou ao Parlamento galego, onde unha iniciativa para reclamar á Xunta máis garantías ambientais, sanitarias e de participación pública non logrou o apoio unánime que si se acadara no ámbito municipal larachés. O BNG defende que Galicia necesita unha regulación específica para este tipo de instalacións e aposta por plantas máis pequenas, descentralizadas e ligadas a residuos realmente agrarios e de proximidade.

Para o voceiro do BNG en Culleredo, Tono Chouciño, proxectos destas dimensións responden máis ao interese económico das empresas promotoras que ás necesidades do territorio. A formación sostén que o modelo debe basearse en instalacións adaptadas ao medio, con menor impacto ambiental e sen converter o rural nun punto de recepción de grandes volumes de residuos industriais.

0.12871098518372