A nova edición do encontro internacional Acampa pola Paz pon o foco no xenocidio en Gaza

ACoruñaXa
Aprogramación desenvolverase entre o 7 e 9 de xuño nos xardíns de Méndez Núñez
Imaxe da presentación de 'Acampa pola paz'
Imaxe da presentación de 'Acampa pola paz'
9 may 2024

Este xoves 9 de maio celebrouse o acto de presentación da programación do oitavo encontro internacional Acampa pola Paz, que terá lugar os días 7,8 e 9 de xuño nos xardíns de Méndez Núñez da cidade da Coruña.

O acto foi presidido polo concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, quen estivo acompañado or Xosé Abad, coordinador de Acampa pola Paz, e Rosa Ana García López, deputada provincial.

A cita promovida polo Concello da Coruña achegará a cidadanía á dura realidade da infancia e a mocidade refuxiada, que centra a programación deste ano. A proposta busca a reflexión conxunta ao redor da urxente necesidade de defender os dereitos humanos e o dereito ao refuxio. “Para este Goberno municipal a defensa dos dereitos humanos é unha prioridade e máis se cabe na situación global actual, con conflitos abertos coma o que afecta ao pobo palestino”, indicou Gonzalo Castro durante a súa intervención.

O cartel desta edición conta cunha fotografía que é obra do fotógrafo palestino Majdi Fathi e amosa a un neno recollendo entre as ruínas os seus libros e cadernos. Durante os tres días que dura esta evento pasarán polos xardíns de Méndez Núñez relatoras convidadas como a ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, e a directora da UNRWA España, Raquel Martín. Tamén participará a responsable de actividades médicas de MSF en Gaza, Ruth Conde, ou Vicente Raimundo, director de Cooperación Internacional e Acción Humanitaria de Save the Children.

Programación variada e reivindicativa

O certame contará cun simbólico memorial pola infancia asasinada en Gaza, que consistirá nunha instalación colaborativa de máis de 1.000 elementos para renderlle homenaxe aos máis de 14.000 nenos e nenas finados no conflito. Fronte a el, terá lugar o domingo 9 de xuño, ás 12.00 horas, un minuto de silencio. De novo, levantarase no recinto un campo de refuxiados para concienciar as persoas visitantes da situación na que viven centos de milleiros de homes e mulleres no mundo. Haberá visitas guiadas para o público xeral e para colexios e institutos.

Tamén haberá mostras fotográficas de gran formato. Ademais de Majdi Fathi, conforman a nómina de fotoxornalistas convidados Ana Palacios, Diego Ibarra, Pedro Armestre, Vicent Tremeau, Rodrigo Adb, Bruuno Thevenin e Marta Moreiras. As súas imaxes permanecerán expostas nos xardíns ata o 30 de xuño. Tamén haberá dúas proxeccións, unha delas o documental ‘M’ e outra a curtametraxe ‘Aunque es de noche’. Acampa pola Paz contará nesta edición coas actuacións dos grupos Kreze, A Quinta de Do, Belém Tajes e os músicos ucraínos Anna Haidukova, Myroslava Tatarchuk, Artem Matovka, Solomia Javchuk, Ihor e Lida Popadiuk.

O Concello da Coruña promove, un ano máis, as xornadas Acampa pola Paz. “A Coruña é unha cidade aberta e tolerante, consciente da importancia de preservar os dereitos humanos, e o Goberno de Inés Rey aposta por iniciativas que potencien valores que deberían ser os de todas as persoas”, indicou Castro.