A Nocturna do Xalo reunirá 700 persoas este sábado nunha carreira polos montes de Castelo

O Monte Xalo volverá converterse este sábado, 28 de novembro, no escenario dunha das citas deportivas máis singulares da comarca. A VIII Nocturna do Xalo reunirá na parroquia de Castelo, en Culleredo, arredor de 700 persoas entre participantes e voluntariado, nunha xornada que combinará deporte de montaña, natureza e convivencia.
A proba, organizada pola asociación Castelo Deporte, ten xa todas as prazas cubertas desde hai máis dunha semana. En total, agárdase a participación dunhas 600 persoas nas dúas modalidades deportivas, mentres que preto dun cento de voluntarios colaborarán para que a actividade poida desenvolverse.
A saída está prevista para as 19.00 horas desde a Polideportiva de Castelo, onde tamén estará situada a meta. Os participantes poderán escoller entre unha carreira competitiva de 12,3 quilómetros, cun desnivel positivo de 650 metros, e unha andaina de nove quilómetros, que acumulará 370 metros de desnivel. Ambas as modalidades disporán dun punto de avituallamento durante o percorrido.
Frontal obrigatorio para percorrer o Monte Xalo de noite
Os itinerarios discorrerán polas sendas e pistas dos montes veciñais de Castelo, ofrecendo aos participantes a oportunidade de descubrir a contorna do Xalo desde unha perspectiva diferente. Ao tratarse dunha proba nocturna, será obrigatorio levar un frontal aceso durante todo o percorrido, ademais de contar co equipamento adecuado para as condicións meteorolóxicas propias desta época do ano.
A rapidez coa que se esgotaron os dorsais volve demostrar o interese que esperta esta convocatoria entre os afeccionados ás carreiras de montaña e ao sendeirismo. Con oito edicións celebradas, a Nocturna do Xalo consolídase como unha das propostas máis características do calendario deportivo da comarca.
Pero a xornada non rematará coa chegada á meta. Como xa é tradición, despois das probas terá lugar a entrega de premios e unha churrascada popular, que dará paso a unha celebración con música. A actividade estará aberta tamén a acompañantes, veciños e visitantes que queiran achegarse a Castelo e participar no ambiente festivo. Quen non teña dorsal poderá adquirir os tíckets para a comida directamente no recinto.
A iniciativa está organizada por Castelo Deporte e conta co apoio do Concello de Culleredo e da Deputación da Coruña, ademais da colaboración de Emesports e da Comunidade de Montes Veciñais de Castelo. Unha cita que volve apostar por unir actividade física, posta en valor do territorio e convivencia veciñal.