A mocidade de Miño gañará un novo espazo de encontro en Rabazal

ACoruñaXa
O Concello de Miño habilitará un local xuvenil de 140 metros cadrados nos baixos dun edificio municipal cun investimento de case 127.000 euros
MIÑO policia rabazal
22 May 2026

O Concello de Miño creará un novo local destinado á mocidade nos baixos do edificio municipal de Rabazal. O espazo estará pensado para o lecer, a formación, as reunións e o desenvolvemento de actividades dirixidas á poboación nova do municipio, un colectivo que continúa medrando e para o que o goberno local quere reforzar os servizos dispoñibles.

A actuación permitirá acondicionar unha superficie de 140 metros cadrados, na que se distribuirán dúas salas de ocio, aseos e unha oficina de xerencia. O futuro local xuvenil situarase ademais nunha contorna xa frecuentada pola mocidade, a poucos metros da pista deportiva de Rabazal, que funciona desde hai anos como punto habitual de encontro para rapaces e rapazas.

O investimento previsto ascende a 126.932,60 euros e contará con cofinanciamento a través de AGADER, dentro das axudas destinadas á creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais. O proxecto supón, segundo o Concello, unha aposta polas políticas de xuventude e súmase a outras iniciativas municipais xa en marcha, como o programa de excursións 'Xuventude en Camiño'.

Coa posta en marcha deste novo servizo completarase a ocupación da planta baixa do inmoble municipal de Rabazal. Na actualidade, este espazo xa acolle o Roupeiro Municipal, a base da Policía Local, un bar e a sede da AECC de Miño.

O Concello busca así dotar á mocidade dun lugar propio, accesible e adaptado ás súas necesidades, no que poidan convivir actividades de ocio, formación e participación social.

0.11926698684692