A memoria LGTBIQ+ centra unha nova campaña provincial con actividades durante todo o ano

GaliciaXa | ACoruñaXa
A Deputación de A Coruña e a UDC impulsan 'Ser e Sentir', unha programación que terá como acto principal a quinta edición do Congreso Memoria Diversa o 6 de xuño
DIPU CORU universidad LGTBI
21 May 2026

A memoria, os dereitos e a diversidade sexual e de xénero serán o eixo da nova campaña 'Ser e Sentir', presentada pola Deputación da Coruña e a Universidade da Coruña na Escola Normal da UDC. A iniciativa desenvolverase ao longo do ano con actividades de sensibilización, formación e visibilización en colaboración con concellos e entidades sociais da provincia.

Un dos momentos centrais da programación será a quinta edición do Congreso Memoria Diversa, que se celebrará o 6 de xuño no espazo Normal da UDC. Nesta ocasión, o encontro analizará o papel da Igrexa, o control social e a represión franquista sobre as disidencias sexuais e de xénero durante a Ditadura e a Transición.

A campaña incluirá tamén a elaboración de dúas unidades didácticas con vídeos explicativos e actividades para traballar co alumnado as perspectivas biolóxica e social da identidade sexual. O material presentarase nunha xornada dirixida ao profesorado e despois quedará dispoñible para concellos, centros educativos e entidades sociais.

Outra das propostas será un ciclo de charlas interactivas en dez concellos baixo o título 'Unha historia de diversidade na Historia da Arte'. A actividade, impartida pola artista audiovisual e activista Carmen Granxeiro, combinará obras de arte, biografías e xogos de descuberta para achegar ao público referentes diversos que adoitan quedar fóra dos relatos máis coñecidos.

O Congreso Memoria Diversa reunirá investigadoras, activistas, escritoras, avogadas e representantes do movemento asociativo LGBTIQ+. O programa abordará cuestións como o Padroado de Protección á Muller, os arquivos da memoria LGBTIQ+, as primeiras loitas do activismo galego, as terapias de conversión ou a recuperación da memoria homosexual a través da literatura e da investigación histórica.

A xornada contará con voces como Guillermina Domínguez, Silvia Fernández Quinteiro, Belén Cillero, Daniela Ferrández, Víctor Mora, Fernando Olmeda, Andrea Momoitio, Saúl Castro ou Lucía Aldao, que será a encargada da clausura artística. Ademais, a Fundación 26 de Diciembre protagonizará unha exposición sobre memoria e disidencia sexual e de xénero no espazo expositivo da Normal.

A campaña terá tamén un acto institucional polo Orgullo o 26 de xuño no Pazo Provincial, que se decorará co lema da iniciativa e coas cores da bandeira arco da vella. O congreso poderá seguirse en streaming a través da canle de YouTube da Deputación da Coruña.

0.13992595672607