A memoria dos nomes da terra busca novas voces para completar o mapa de Betanzos

ACoruñaXa
A campaña 'Toponimízate' chega este venres ao Salón Azul do Edificio do Arquivo cunha charla sobre a recolla de microtopónimos
BETANZOS toponimízate
4 Jun 2026

A campaña 'Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra' chega este venres, 5 de xuño, a Betanzos para animar á veciñanza a participar na recuperación dos nomes tradicionais de leiras, montes, camiños, fontes e outros espazos do municipio.

A charla celebrarase ás 19.30 horas no Salón Azul do Edificio do Arquivo e será presentada pola alcaldesa, María Barral. O relatorio correrá a cargo de Vicente Feijoo, filólogo da Real Academia Galega e coordinador técnico de Galicia Nomeada, a iniciativa colaborativa impulsada pola RAG e a Xunta de Galicia para conservar este patrimonio inmaterial.

A sesión terá un enfoque práctico. As persoas asistentes coñecerán como funciona a aplicación Galicia Nomeada, tanto na súa versión web como para dispositivos móbiles, e aprenderán a crear unha conta de usuario, engadir novos topónimos, enviar suxestións ou completar información sobre nomes xa rexistrados.

O obxectivo é sumar colaboradores nun municipio no que, polo momento, só se recibiron 21 achegas públicas relacionadas con Betanzos por parte de seis persoas. Aínda que hai anos se fixo unha primeira recolla da microtoponimia brigantina a través do Proxecto Toponimia de Galicia, aquel traballo non foi completo e algunhas parroquias, como Requián ou Piadela, quedaron con rexistros insuficientes.

Durante o encontro tamén se explicará a orixe e o significado dos nomes do propio concello e das súas principais entidades de poboación. Vicente Feijoo abordará, ademais, as mudanzas incorporadas na recente revisión do Nomenclátor de Galicia, que engadiu lugares como Talai, Loureiros e A Veiga.

A charla permitirá tamén afondar en nomes de longa historia, como Tiobre ou Illobre, considerados polos especialistas de procedencia celta. A actividade busca así combinar divulgación, memoria oral e participación cidadá para evitar que desaparezan nomes que forman parte da identidade local.

Desde a posta en marcha de Galicia Nomeada, a finais de 2019, xa se recuperaron máis de 110.000 microtopónimos en toda Galicia grazas á colaboración da cidadanía.

0.12939977645874