A memoria democrática centra o novo Curso de Verán da UDC sobre lingua galega

A Universidade da Coruña organizará os días 7 e 8 de xullo a XIX edición do seu Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, que nesta ocasión levará por título 'Memoria democrática e lingua: a quimera da normalización'. A actividade desenvolverase no Fórum Carballo e estará dirixida a profesionais da dinamización cultural e lingüística, docentes, estudantado, persoal técnico e integrantes de entidades sociais.
O encontro analizará a evolución das políticas lingüísticas en Galicia desde a transición e abrirá un espazo de reflexión sobre os avances e os desafíos que aínda afronta o galego. A programación abordará cuestións como o conflito lingüístico actual, a recuperación da toponimia tradicional, a presenza do idioma na música e nos medios, a conciencia social ou o papel do ensino e das universidades.
Ao longo de dúas xornadas haberá conferencias, mesas redondas, comunicacións e obradoiros con especialistas, investigadores, profesionais da comunicación, representantes institucionais e persoas vinculadas ao activismo lingüístico e cultural.
A dirección académica correrá a cargo de Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor da Facultade de Filoloxía e membro do Grupo ILLA, mentres que a secretaría estará coordinada por Marisol Ríos Noya, responsable do Servizo de Normalización Lingüística da UDC.