A mellora do abastecemento en Doroña e Grandal avanza con novas vías de colaboración

ACoruñaXa
A Xunta e o Concello de Vilarmaior estudan a viabilidade dun proxecto para reforzar o servizo de auga nestas dúas parroquias e explorar apoio técnico e financeiro
VILARMAIOR reunion alcalde xunta
14 Apr 2026

A mellora do servizo de abastecemento nas parroquias de Doroña e Grandal deu un novo paso tras a reunión mantida en Santiago de Compostela entre a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez. No encontro, ambas administracións analizaron posibles vías de colaboración para impulsar unha actuación que permita reforzar o acceso á auga nestas zonas do municipio.

Segundo trasladou o rexedor, na actualidade a veciñanza destas contornas abastécese a través de pozos particulares e de traídas veciñais con depósitos de escasa capacidade, unha situación que condiciona o servizo e que levou o Concello a buscar solucións para melloralo.

A conselleira indicou que o persoal de Augas de Galicia estudará agora o proxecto presentado para determinar a súa viabilidade e avaliar posibles fórmulas de apoio, tanto desde o punto de vista técnico como financeiro. En todo caso, a Xunta asumiría unha parte do investimento necesario, mentres que o Concello debería completar o financiamento restante.

Neste sentido, o alcalde avanzou que o Concello prevé achegar fondos propios e solicitar tamén a colaboración doutras administracións, entre elas a Deputación da Coruña, co obxectivo de facer viable a actuación.

Durante a reunión, Ángeles Vázquez puxo en valor o apoio que a Xunta vén prestando ás entidades locais para mellorar os servizos de abastecemento e saneamento. Augas de Galicia ten previstas para este ano oito ordes de axudas cun orzamento global de 9,3 millóns de euros, un 22 por cento máis que o paquete de subvencións do pasado exercicio. Estas liñas están dirixidas principalmente aos concellos, pero tamén a particulares, comunidades de usuarios de traídas veciñais e entidades sen ánimo de lucro.

A este esforzo súmanse os orzamentos de Augas de Galicia para 2026, que ascenden a 151,7 millóns de euros, un 5,5 por cento máis que no ano anterior. Deles, 108,7 millóns destinaranse a actuacións relacionadas co abastecemento e o saneamento, mentres que 73,6 millóns de euros se reservarán especificamente para investimentos en infraestruturas hidráulicas.

0.12659811973572