A loita contra a avespa velutina reforza a súa vixilancia con 300 trampas en Curtis

O Concello de Curtis dá un novo paso na loita contra a avespa velutina. O goberno municipal vén de adherirse ao convenio asinado entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para coordinar as actuacións dentro do Programa Galego de Vixilancia e Control fronte á avespa asiática durante o ano 2026.
A adhesión permitirá reforzar a resposta ante a presenza desta especie invasora, especialmente na retirada de niños. No marco do acordo, a Xunta actuará a través da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga), que será a encargada de canalizar os avisos dos concellos e dirixir os traballos de eliminación.
Curtis conta xa cunha rede de 300 trampas xeorreferenciadas, distribuídas de maneira estratéxica por diferentes puntos do municipio. O persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal revisou recentemente estes dispositivos, substituíu máis de 200 trampas por unidades novas e renovou os líquidos atraentes para aumentar a súa eficacia na época de maior actividade da velutina.
Desde o Concello lembran que a expansión desta especie supón unha ameaza importante tanto para o medio ambiente como para a actividade apícola. A avespa velutina ataca as colonias de abellas, o que provoca danos na produción de mel e afecta tamén á polinización, un proceso esencial para o equilibrio dos ecosistemas e para numerosos cultivos.
O problema tamén ten unha dimensión de seguridade cidadá. A proximidade dos niños a vivendas, camiños, explotacións ou zonas de paso pode xerar situacións de risco, especialmente para persoas maiores, nenos e nenas ou persoas con alerxias.
Por iso, o Concello fai un chamamento á colaboración veciñal. A administración local anima á poboación a sumarse á loita colectiva contra esta especie mediante a colocación de trampas caseiras, unha medida que pode contribuír a reducir a presenza da velutina no territorio.
No caso de localizar un niño, a recomendación é non achegarse nin tratar de retiralo por conta propia. A veciñanza debe comunicar o aviso canto antes chamando ao 012 ou ao 981 900 643, para que a intervención se realice con seguridade e polos medios adecuados.