A intelixencia artificial aplicada á educación reunirá na UDC a 350 docentes

ACoruñaXa
A Facultade de Ciencias da Educación acollerá o 8 de maio o #IAEducativaDay3, unha xornada con máis de 30 relatores, obradoiros, mesas de debate e experiencias prácticas para levar a IA ás aulas con criterio pedagóxico e ético
A CORUÑA ia educativa
3 May 2026

A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña será o escenario o venres 8 de maio da terceira edición do #IAEducativaDay3, un encontro centrado na aplicación da intelixencia artificial no ámbito educativo. A cita, dirixida principalmente a profesorado, reunirá a 350 docentes procedentes de distintos países.

A xornada está organizada pola Asociación INTEDUA, en colaboración coa UDC, a Xunta de Galicia e outras entidades vinculadas ao sector educativo. O obxectivo é abrir un espazo de reflexión e aprendizaxe sobre o impacto real da IA na educación, tanto desde o punto de vista das ferramentas dispoñibles como desde a súa integración responsable nos procesos de ensino e aprendizaxe.

O programa inclúe máis de 30 ponencias e obradoiros internacionais, distribuídos en varias salas da Facultade de Ciencias da Educación. Haberá paneis de expertos, debates, mesas redondas, sesións prácticas, unha sala en liña e mesmo a gravación dun podcast en directo. A apertura institucional está prevista ás 9.00 horas e o peche da xornada arredor das 19.15 horas.

Entre os contidos previstos figuran cuestións como o liderado educativo en tempos de IA, o pensamento crítico, a redución da burocracia docente, a avaliación, a atención á diversidade, o deseño de situacións de aprendizaxe ou o uso responsable das novas ferramentas dixitais. A organización subliña que a xornada busca mostrar exemplos e boas prácticas con utilidade real para as aulas e os centros educativos.

Un dos eixos principais do encontro será a idea de que a intelixencia artificial non debe entenderse como un fin en si mesmo, senón como unha oportunidade para repensar estratexias docentes, enriquecer a aprendizaxe e fortalecer a competencia profesional do profesorado. Nesa liña, o evento aposta por unha visión pedagóxica, crítica e ética da tecnoloxía.

0.12260103225708