A humanización de seis rúas mellorará a accesibilidade e a seguridade no barrio das Repúblicas

ACoruñaXa
O Concello de Arteixo inicia a licitación dunha actuación de 672.000 euros, dos que 420.000 procederán de fondos europeos
ARTEIXO plano actuación republicas
15 May 2026

O Concello de Arteixo puxo en marcha este venres, 15 de maio, a licitación do proxecto de urbanización e humanización de seis rúas do barrio das Repúblicas, unha das zonas máis poboadas do núcleo urbano. A actuación contará cun investimento de 672.000 euros, dos que 420.000 serán financiados con fondos europeos.

As obras desenvolveranse nas rúas República do Salvador, Nicaragua, República de Cuba, Honduras, Costa Rica e Cidade de Montevideo, que conforman un ámbito de máis de 5.000 metros cadrados. O obxectivo é transformar este espazo urbano para facelo máis accesible, seguro e cómodo para a veciñanza.

O proxecto contempla a construción de novas beirarrúas nos tramos nos que non existen, así como a ampliación das xa existentes. Tamén se renovarán por completo os pavimentos, o alumeado público, a rede de saneamento, as canalizacións de pluviais e as tubaxes de abastecemento de auga potable. Ademais, instalarase novo mobiliario urbano e incorporaranse elementos vexetais para mellorar a estética das rúas e reducir a presenza visual do tráfico.

A intervención busca reforzar a seguridade viaria, especialmente na contorna dos pasos de peóns, onde a visibilidade se ve afectada en ocasións polo estacionamento indebido de vehículos. A mellora do alumeado tamén terá un papel destacado, coa substitución dos puntos de luz por modelos máis eficientes que permitirán reducir o consumo eléctrico e, ao mesmo tempo, incrementar a iluminación en zonas sensibles.

O alcalde, Carlos Calvelo, destacou que esta actuación suporá 'a mellora dunha das zonas máis poboadas do núcleo de Arteixo, e á que nunca se lle dera un tratamento integral'.

A humanización das seis rúas permitirá reorganizar o espazo público, mellorar os cruces, crear pequenas zonas verdes e combater a monotonía dun ámbito urbano que ata o de agora non favorecía o paseo nin a convivencia. A intención municipal é dotar o barrio dun carácter máis amable e diferenciado, con espazos pensados para os peóns e para a vida veciñal.

0.12180495262146