A Gran Recollida do Banco de Alimentos busca 2.500 voluntarios para encher as despensas da provincia da Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A Gran Recollida do Banco de Alimentos busca 2.500 voluntarios para encher as despensas da provincia
recollida-alimentos-UNED
7 Oct 2026

O Banco de Alimentos da provincia da Coruña xa prepara a súa gran cita solidaria do ano. A Gran Recollida 2026 celebrarase os días 13 e 14 de novembro en máis de 500 supermercados repartidos polos municipios da provincia, cun obxectivo claro: conseguir máis alimentos para atender as necesidades das persoas en situación de vulnerabilidade.

Para facer posible a campaña, a entidade necesita incorporar 2.500 voluntarios, unha cifra que lle permitiría cubrir polo menos a metade dos puntos de recollida previstos. O Banco de Alimentos destaca que a presenza dunha persoa voluntaria no establecemento pode incrementar nun 95 % a cantidade de alimentos recollidos, ao encargarse de informar os clientes e animarlles a colaborar.

A presentación oficial da campaña terá lugar este xoves, 8 de outubro ás 12.00 horas, no almacén do Banco de Alimentos no polígono industrial de A Grela, na rúa Juan de la Cierva, 18. Durante o acto darase a coñecer tamén a persoa que exercerá como padriño ou madriña desta edición, que estará vinculada ao ámbito da sanidade galega.

Dúas horas e media para axudar

A organización insiste en que non é necesario dedicar unha xornada completa á campaña. As quendas de voluntariado teñen unha duración aproximada de dúas horas e media, durante as que as persoas participantes estarán no supermercado escollido informando sobre a iniciativa e facilitando a colaboración dos clientes.

A participación está aberta a persoas de todas as idades e pódese realizar individualmente ou en grupo, xa sexa con familiares, amizades ou compañeiros de traballo. A entidade tamén busca coordinadores para organizar os equipos e garantir o correcto funcionamento dos diferentes puntos de recollida.

As persoas interesadas en colaborar na Coruña e Santiago poden inscribirse a través da web granrecogidacoruna.org, do correo voluntarios@balrial.org ou do teléfono 604 001 206. No caso de Ferrol, a inscrición pode realizarse mediante o correo voluntarios.ferrol@balrial.org ou no teléfono 698 160 281, de luns a venres entre as 10.00 e as 13.00 horas.

O Banco de Alimentos chega á campaña con menos reservas

A necesidade de reforzar as existencias cobra especial importancia este ano. O Banco de Alimentos explica que os seus almacéns se atopan actualmente con poucas reservas e que durante o verán tivo que destinar preto de 200.000 euros á compra de alimentos, principalmente leite e aceite, para poder manter a atención ás persoas que dependen destas axudas.

A campaña do ano pasado permitiu reunir 200.000 quilos de alimentos, que posteriormente foron distribuídos entre unhas 26.000 persoas en situación de vulnerabilidade, integradas en 144 entidades. Para esta edición, a organización quere superar esa cifra e incrementar a capacidade de resposta dos seus almacéns.

A Gran Recollida volverá así converter os supermercados da provincia en puntos de solidariedade durante dous días. Para o Banco de Alimentos, o traballo dos voluntarios resulta fundamental para conseguir que as doazóns dos clientes se transformen en alimentos destinados ás familias e persoas que máis apoio necesitan.

0.21582698822021