A Fundación Laboral da Construción e o Concello de Arteixo impulsan un programa para formar e contratar a persoas desempregadas

A Fundación Laboral da Construción de Galicia asinou un convenio de colaboración co Concello de Arteixo para desenvolver o programa experiencial de formación e emprego RenÓbrate, unha iniciativa impulsada xunto coa Xunta de Galicia que busca favorecer a cualificación profesional e a inserción laboral de persoas desempregadas no sector da construción.
O programa está dirixido a 20 persoas maiores de 18 anos en situación de desemprego, que durante nove meses combinarán formación teórico-práctica con experiencia profesional a través de actuacións de mellora en distintos espazos públicos do municipio.
No marco deste proxecto impartiranse 510 horas de formación. Ademais, o alumnado realizará traballos de reforma e pintura en locais municipais de uso público, incluíndo actuacións de acabados, pavimentación interior e reparación de mobiliario urbano.
As persoas participantes serán contratadas pola Fundación Laboral da Construción mediante un contrato de formación en alternancia durante os nove meses de duración do programa e percibirán unha retribución equivalente ao 100 % do Salario Mínimo Interprofesional vixente. A actividade práctica representará, como máximo, o 65 % da xornada laboral.
O obxectivo do programa é que, nun prazo máximo de dous meses desde a súa finalización, o 60 % do alumnado consiga un contrato de traballo de polo menos tres meses a xornada completa en empresas do sector da construción con actividade en Galicia e relacionadas coa formación recibida.
A selección das persoas participantes realizarase en colaboración coas entidades locais e coas oficinas de emprego de Galicia. Ademais das 20 prazas previstas, elaborarase unha listaxe de reserva. O proceso terá en conta tanto o perfil das persoas candidatas como as necesidades do tecido produtivo, co propósito de adaptar a formación á demanda real do mercado laboral.
Para participar será necesario estar desempregado, ter 18 anos ou máis, figurar como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, cumprir os requisitos legais para formalizar un contrato de formación en alternancia durante toda a duración do programa, reunir as condicións de acceso ás especialidades formativas correspondentes e aceptar as condicións básicas do proxecto.
Segundo a Fundación Laboral da Construción, RenÓbrate aposta por un modelo formativo directamente vinculado ao traballo efectivo, co fin de mellorar as posibilidades de inserción laboral das persoas participantes.
O convenio que dá cobertura a este programa foi asinado entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a entidade paritaria de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta e conta cun investimento de 1.890.208 euros para os anos 2026 e 2027.