A folga xeral deixa hoxe 48 autobuses en circulación na Coruña, o 53,93% do servizo habitual

A folga xeral convocada para este mércores, 11 de novembro, afecta ao transporte urbano da Coruña, que funcionará cun dispositivo de servizos mínimos de 48 autobuses. A cifra representa o 53,93% da oferta habitual da Compañía de Tranvías, que conta con 89 vehículos.
O Concello aprobou esta prestación para garantir os desprazamentos esenciais durante as 24 horas de paro, compatibilizando o dereito á folga co mantemento dun servizo básico para a cidadanía. A resolución municipal establece unha proposta intermedia entre a solicitada pola empresa concesionaria, que reclamaba 53 autobuses, e a do comité de empresa, que propoñía 44.
Entre as liñas con maior dotación figuran a 6-6A e a UDC, que contarán con catro autobuses cada unha. Outras rutas, como a 4, 5, 7, 11, 12, 12A, 14 e 20, disporán de tres vehículos. Pola súa banda, as liñas 1, 1A, 2-2A, 3-3A, 17, 21 e 22 terán dous autobuses cada unha, mentres que as liñas 23-23A e 24 funcionarán cun único vehículo.
A liña UDC 2, que conecta San Pedro de Mezonzo, Zapateira e a Universidade da Coruña, non prestará servizo durante a xornada de folga.
A Compañía de Tranvías será a encargada de organizar os servizos mínimos e designar o persoal necesario para cumprilos, coa participación do comité de folga. Ademais, deberá comunicar ao Concello as incidencias que se produzan ao longo da xornada.