A folga do comercio da alimentación arrinca con protestas e novas mobilizacións á vista

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
Os traballadores reclaman melloras salariais e laborais ante o bloqueo do convenio provincial, cunha nova xornada de paro este domingo e unha manifestación na Coruña o martes
FERROL folga alimentacion gadis 10.10.2026
Imaxe do Gadis de Catabois, en Ferrol
11 Oct 2026

O conflito laboral no comercio da alimentación da provincia da Coruña volveu ás rúas este sábado coa primeira das tres xornadas de folga convocadas para os días 10, 11 e 13 de outubro. A mobilización, impulsada pola CIG, CCOO, UGT e USO, busca presionar a patronal para desbloquear a negociación do convenio colectivo e avanzar cara a unhas condicións salariais e laborais mellores para os cadros de persoal.

A primeira xornada incluíu piquetes informativos desde as 5.00 horas no polígono de Piadela, na comarca coruñesa, e unha concentración en Santiago de Compostela diante do supermercado Gadis da rúa Montero Ríos, ás 12.00 horas, ademáis de diversas concentracións en outros supermercados da provincia. A representación sindical cualificou de positiva a resposta dos traballadores e defendeu a continuidade das protestas ante a falta de avances suficientes na mesa de negociación.

Subas salariais e menos xornada

Entre as principais reivindicacións figuran unha actualización dos salarios que permita recuperar e manter o poder adquisitivo, unha redución da xornada anual e melloras na conciliación da vida laboral e familiar. Os sindicatos tamén reclaman reducir as diferenzas salariais entre provincias para os empregados que realizan funcións similares nas mesmas cadeas de supermercados.

As centrais consideran insuficientes as propostas presentadas pola patronal, na que teñen un peso destacado empresas como Gadis e Froiz. A negociación prolongouse durante meses sen que, segundo os representantes dos traballadores, se producisen avances que permitan pechar un acordo.

A convocatoria tamén pretende visibilizar as dificultades económicas e laborais que, segundo os sindicatos, afronta o persoal do sector, así como os problemas para compatibilizar os horarios de traballo coa vida persoal.

A folga continuará este domingo e o martes

O calendario de mobilizacións continuará este domingo, 11 de outubro, cunha nova xornada de paro. O martes 13 está prevista outra convocatoria de folga acompañada de piquetes informativos en distintos puntos da provincia.

Na comarca da Coruña, os piquetes volverán ao polígono de Piadela ás 5.00 horas e está prevista outra acción ás 9.45 horas no centro comercial Os Catro Camiños. En Ferrol, a convocatoria sitúase ás 8.00 horas no aparcadoiro próximo ao McDonald's.

A xornada do martes rematará cunha manifestación na cidade da Coruña, que sairá ás 12.00 horas da praza de Lugo. Os sindicatos manteñen a presión para conseguir avances na negociación e advirten de que as mobilizacións poderán continuar se non se produce un cambio na postura empresarial.

0.15371108055115