A Festa do Cabalo de Teixeiro celebra o seu 25 aniversario cunha completa xornada ecuestre

ACoruñaXa
O evento do 2 de agosto incluirá concurso morfolóxico, probas de andadura, o Campionato Galego de Enganches e un espectáculo ecuestre, cunha atención especial ao relevo xeracional
festa-do-cabalo-de-teixeiro
13 Jun 2026

A Festa do Cabalo de Teixeiro celebrará o vindeiro 2 de agosto a súa vixésimo quinta edición, converténdose nunha cita de referencia dentro do calendario ecuestre galego. A xornada desenvolverase no aparcadoiro do polígono industrial de Teixeiro, organizada polo Concello de Curtis coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Asociación Pura Raza Cabalo Galego e a Federación Hípica Galega.

O programa incluirá un concurso morfolóxico e distintas probas de andadura, tanto para participantes non federados como para aqueles que compitan no Campionato Galego. A xornada completarase co Campionato Galego de Enganches e cun espectáculo ecuestre.

Durante o evento entregaranse premios e trofeos aos mellores clasificados en cada modalidade. Ademais, concederanse distincións especiais ao grupo máis numeroso, así como recoñecementos ás persoas de maior e menor idade participantes, tanto en categoría masculina como feminina.

Como novidade destacada, a organización quere poñer en valor o relevo xeracional no mundo ecuestre, polo que todos os nenos e nenas menores de 12 anos que acudan a cabalo recibirán unha medalla conmemorativa desta edición especial do cuarto de século.

Tras vinte e cinco edicións, a Festa do Cabalo de Teixeiro mantense como unha das principais citas vinculadas á tradición ecuestre e á cultura do cabalo, reafirmando o compromiso do Concello de Curtis coa posta en valor do medio rural e das súas tradicións.

0.13517093658447