A festa das persoas maiores reunirá en xuño á veciñanza de Vilasantar

ACoruñaXa
A celebración terá lugar o 19 de xuño, con misa solemne en Présaras, xantar, música en directo e inscrición previa ata o día 15
VILASANTAR festa dos maiores
Imaxe dunha edición anterior
16 May 2026

Vilasantar celebrará o vindeiro 19 de xuño unha nova edición da súa festa das persoas maiores, unha xornada pensada para reunir á veciñanza de máis de 60 anos arredor dunha programación que combina tradición, gastronomía e música.

A celebración arrancará ás 13.00 horas coa misa solemne na igrexa de Présaras. Despois, a partir das 14.00 horas, será a quenda do xantar, que se servirá no xardín botánico se o tempo acompaña. En caso de choiva, a comida trasladarase ao pavillón de Présaras.

O encontro contará cun menú especial para a ocasión, con empanada de bonito, polbo á feira e xarrete de tenreira con patacas e verduras como pratos principais. A sobremesa incluirá pastel de queixo e tarta de améndoas, ademais de café con gotas e augardente da Ulla. A comida completarase con viño tinto e branco con denominación de orixe, refrescos e auga.

A festa terá tamén unha parte musical, coa actuación dun dúo que amenizará a sobremesa e animará ás persoas asistentes a bailar. O Concello busca así ofrecer unha xornada de convivencia para recoñecer o papel das persoas maiores na vida social do municipio.

A participación será gratuíta para as persoas empadroadas en Vilasantar que teñan 60 anos ou máis. As persoas non empadroadas que conten cunha vivenda no municipio deberán aboar 20 euros, mentres que aquelas que non estean empadroadas nin teñan vivenda en Vilasantar pagarán 30 euros.

As inscricións deberán formalizarse antes do 15 de xuño chamando aos teléfonos 981 778 169 ou 981 778 257. No caso das persoas que teñan que aboar cota, o pagamento realizarase na conta de Abanca indicada polo Concello, co concepto 'Festa dos maiores 2026' e facendo constar nome, apelidos e DNI. O xustificante deberá entregarse no momento de anotarse.

0.1166558265686