A Feira Medieval de Betanzos prepara o seu regreso con máis de 350 solicitudes para postos

ACoruñaXa
A XXVII edición celebrarase a segunda fin de semana de xullo e volverá transformar o casco histórico nun gran escenario de época
betanzos-feira-medieval
12 Jun 2026

Betanzos ultima os preparativos da XXVII Feira Franca Medieval, unha das citas máis agardadas do verán na cidade, que se celebrará dentro dun mes, como marca a tradición, durante a segunda fin de semana de xullo.

O Concello traballa xa nos últimos detalles dunha edición que volverá converter o casco histórico nun gran mercado medieval, con postos de venda, gastronomía, animación de rúa e representacións históricas durante toda a fin de semana.

O interese por participar mantense moi alto. O Concello recibiu algo máis de 350 solicitudes para instalar postos, unha cifra semellante á rexistrada nas últimas edicións. Porén, as características do casco histórico, a dimensión das rúas e as medidas de seguridade previstas obrigan a limitar o número final a 140.

A comisión técnica xa avaliou as propostas presentadas polos profesionais interesados. Na selección tivéronse en conta criterios como a traxectoria dos solicitantes e o cumprimento da normativa por parte daqueles que xa participaron noutras edicións.

Ademais, o Concello reservará espazos para asociacións locais, postos de gastronomía e comerciantes con establecementos nas rúas incluídas no percorrido da feira.

Os postos instalaranse nas mesmas zonas das últimas edicións, entre elas Porta da Vila, rúa do Castro, praza da Constitución, Santiago, Roldán, Pescadería, praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María e San Francisco.

A programación completarase con actividades paralelas que acompañarán o mercado e que volverán encher de ambiente medieval o centro histórico betanceiro.

0.11909604072571