A Feira das Marabillas enche a Cidade Vella de ambiente medieval ata o domingo

A Cidade Vella da Coruña volve viaxar á Idade Media coa celebración da XXX Feira das Marabillas, que abriu este mércores as súas portas e manterá a súa programación ata o domingo 26 de xullo. O evento, organizado pola Asociación Comercial e Empresarial Ciudad Antigua (ACECA) coa colaboración do Concello, reúne durante cinco días propostas culturais, gastronómicas e comerciais para todos os públicos.
A alcaldesa, Inés Rey, participou no acto inaugural, celebrado na praza de Azcárraga, e percorreu posteriormente os diferentes espazos da feira. A rexedora destacou que esta cita "xa forma parte do imaxinario do verán coruñés" e serve de antesala ás festas de María Pita.
Ao longo da semana, as rúas e prazas da Cidade Vella recrearán o ambiente da Coruña medieval con espectáculos de rúa, animación, música e representacións a cargo de numerosas compañías artísticas. A programación inclúe tamén o Recuncho das Pícaras, situado na praza de María Pita, con xogos, obradoiros e atraccións dirixidas ao público infantil.
Entre as actividades previstas figura o encontro de música medieval que se celebrará o venres 24 de xullo, ás 20.30 horas, na igrexa de Santiago, con entrada libre ata completar a capacidade do recinto.
A feira complétase cun amplo mercado de artesanía, postos de alimentación e gastronomía, ademais de diferentes propostas de lecer distribuídas polo casco histórico. O horario de apertura será de 11.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 23.00 horas.
A Feira das Marabillas forma parte da programación cultural de verán impulsada polo Concello da Coruña e constitúe unha das citas máis consolidadas do calendario estival da cidade.