A Feira da Cebola Chata reúne a centos de visitantes nunha edición chea de tradición e gastronomía en Miño

Miño celebrou a XXV Feira da Cebola Chata cunha notable afluencia de público, reafirmándose como unha das citas máis destacadas do verán no municipio. A xornada estivo dedicada a promocionar un dos produtos agrícolas máis representativos da localidade a través dun programa que combinou tradición, cultura, artesanía, música e gastronomía.
A actividade arrancou coa apertura do mercado tradicional, no que os visitantes puideron adquirir cebola chata, froitas, hortalizas e produtos artesanais. O programa incluíu tamén o obradoiro ‘Da carriza á restra’, impartido por Moriam Grimes, no que se mostrou o proceso tradicional de elaboración das restras de cebola.
Os máis pequenos participaron en talleres temáticos relacionados coa tradición ceboleira de Miño, mentres que a música popular acompañou o percorrido pola feira coa actuación do grupo Brincadeira. A artesanía tamén tivo un papel destacado, con demostracións en directo de sombreirería, cerámica artística e escultura.
A gastronomía volveu ser un dos grandes atractivos do evento. As degustacións incluíron unha elaboración de cebola chata en salpicón preparada por Alejandro Paadín, acompañada dunha cata comentada de viños organizada pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A sesión vermú estivo amenizada polo Dúo Xilo & Carlos antes da comida popular servida pola A.D. Miño.
Durante a tarde continuaron as actividades para todos os públicos con xogos tradicionais, a representación de ‘A feira das sementes’ da compañía Títeres Babaluva e a venda de empanadas no recinto da feira. Ademais, as xornadas Gastro-Miño permitiron degustar produtos do mar combinados con elaboracións da terra.
Un dos momentos máis agardados da programación foi a presentación do novo xeado de Cebola Chata Caramelizada elaborado por Bico de Xeado, unha proposta innovadora que espertou a curiosidade dos asistentes. A xornada pecharase cun concerto do grupo Zapato Veloz e cunha cea popular organizada tamén pola A.D. Miño.