A exposición 'Fotografías da Natureza 2024' presenta as imaxes dun prestixioso concurso internacional no Aquarium Finisterrae

ACoruñaXa
Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, asistiu á apertura da exposición, que forma parte dos actos polo 25 aniversario do museo
Imaxe da presentación da exposición 'Fotografías da Natureza 2024'
16 Xul 2024

O Aquarium Finisterrae acollerá ata o mes de decembro a exposición 'Fotografías da Natureza 2024', que contén as imaxes premiadas na última edición de European Wildlife Photographer of the Year, un dos concursos de fotografía de natureza máis prestixiosos do mundo, organizado pola Sociedade Alemá de Fotografía de Natureza (GDT), e que ten como obxectivo incrementar entre o público a conciencia e o interese por preservar o medio ambiente.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, asistiu á apertura da exposición, acompañado polo director do Aquarium Finisterrae, Francisco Armesto. O gañador absoluto desta edición é o fotógrafo español Javier Aznar González de Rueda, pola súa imaxe titulada 'Coidado maternal', captada no Parque Nacional Yasuní, en Ecuador, e que amosa o comportamento das chinches do cacao.

Gonzalo Castro destacou o traballo do Goberno de Inés Rey por achegar á cidadanía novas iniciativa e actividades aos seus museos científicos. “Este ano é moi especial para o Aquarium Finisterrae por ser o 25 aniversario da súa apertura, polo que levamos meses organizando distintos eventos para conmemoralo xunto co conxunto dos coruñeses e coruñesas”, apuntou. A exposición contén un total de 86 fotografías que inclúen a mellor fotografía de cada categoría e mencións de honra e finalistas, distribuídas en nove seccións: Aves, Mamíferos, Outros animais, Mundo submarino, Eloxio das plantas, Paisaxes, O ser humano e a natureza, Forma e composición e Novos fotógrafos.

O concurso European Wildlife Photographer of the Year conta con xurado de primeiro nivel, altos estándares de selección, unha postura clara contra a manipulación de imaxes dixitais e un sistema de avaliación ben fundamentado para o xurado, aspectos todos eles que contribúen á excelente reputación deste concurso. O certame tamén é coñecido por estar aberto a unha ampla gama de temas de fotografía de natureza e novas tecnoloxías, así como por promover a innovación, a creatividade e a coraxe de explorar composicións inusuais.

Nesta edición presentáronse 18.000 imaxes de fotógrafos e fotógrafas procedentes de 42 países. Delas, resultaron premiadas nalgunha das categorías un total de 18 instantáneas de fotógrafos españois, destacando, ademais do gañador absoluto, o premio a Alberto Román Gómez, mellor novo fotógrafo do ano na categoría de 14 ou menos anos.

0.16555714607239