A Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC organiza unha charla sobre a paisaxe

ACoruñaXa
A xornada está dirixida ao profesorado do Grao en Paisaxe, compartido pola Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela
Imaxe da Escola Técnica Supeior de Arquitectura da UDC
Imaxe da Escola Técnica Supeior de Arquitectura da UDC
2 may 2024

Este venres, día 3 de maio, en horario de 10.00 a 15.00 horas na Fundación Barrié, terá lugar unha xornada de debate baixo o título "A paisaxe e os desafíos do seu ensino", un encontro no que participarán especialistas na materia e responsables de administracións, organizada polo Grao en Paisaxe, que se imparte na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

Dentro deste marco, analizarase a importancia da paisaxe para as administracións públicas nunha primeira parte. Un programa que contará con Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, Moisés Canle, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da Universidade da Coruña, Francisco Dinís Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda do Concello da Coruña e Miguel Abelleira Doldán, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

No segundo bloque da xornada participarán as persoas que se ocupan da coordinación dos tres graos en paisaxe existentes nas universidades públicas españolas: Stefano Cortellaro, coordinador do Grao en Paisaxismo da Universidade Politécnica de Cataluña; Anna Laura Jeschke, coordinadora de Paisaxismo no Dobre Grao de Fundamentos da Arquitectura e Paisaxismo da Universidade Rey Juan Carlos; e Juan Caridad, coordinador do Grao en Paisaxe pola Universidade da Coruña e Universidade de Santiago de Compostela; ademais do secretario do Consello Europeo de Escolas de Arquitectura da Paisaxe (ECLAS), Frederico Meireles, profesor na Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro. Nesta sesión a temática xirará máis sobre a especificidade da formación en paisaxe, construíndo un foro de debate sobre o presente e o futuro do seu ensino e compartindo as experiencias acumuladas para dar resposta aos retos expostos. Ao remate do acto haberá unha mesa redonda de conclusións.

O Grao en Paisaxe e unha titulación universitaria de alta empregabilidade impartida pola Universidade da Coruña, a través da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña; e a Universidade de Santiago de Compostela, na Escola Politécnica Superior de Lugo; onde se forman profesionais expertos na intervención e formalización da paisaxe, con especial atención ao coñecemento do medio físico e os seus procesos biolóxicos. O Grao reúne os contidos xeográficos e construtivos co uso das novas tecnoloxías para formar paisaxistas especialistas no medio ambiente e na intervención formal no territorio.