A entrega dos Premios Picadillo 2024 pecha o Galicia Fórum Gastronómico
A Coruña despediuse este martes do Galicia Fórum Gastronómico coa entrega dos Premios Picadillo 2024, uns distintivos que recoñecen a traxectoria de profesionais de diversas disciplinas e oficios e o seu labor a favor da gastronomía galega. A concelleira de Turismo, Comercio e Hostalería, Diana Cabanas, foi a encargada da entrega destes recoñecementos.
Nesta ocasión, as distincións recaeron en Ana Gago de Casa Pardo (A Coruña), na categoría Cociña; Clara Luís Domínguez "Clarita" do Hostal de la Viuda (A Pobra de Trives, Ourense) en Sala; José Luís Mateo de Quinta da Muradella (Monterrei, Ourense), na modalidade de Viño; a Organización de Produtores do Porto de Celeiro (Viveiro, Lugo) en Mar; o colectivo Amas da Terra en Rural; Airas Moniz de Chantada (Lugo) na categoría de Artesanía Alimentaria; Ricardo Fernández do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) en Formación e Rogelio Santos, mariñeiro de Porto do Son na modalidade de divulgación.
A Coruña, como referente da gastronomía do futuro
Neste sentido, milleiros de persoas relacionadas co sector da gastronomía, da alimentación e da hostalería citáronse durante tres días na cidade herculina para gozar de degustacións e obradoiros impartidos por cociñeiros de primeiro nivel, así como de produtos da mellor calidade. Actividades que serviron para reforzar a posicionamento da Coruña como unha cidade de referencia para acoller eventos sobre a gastronomía do futuro.
Tamén puideron achegarse ata as instalacións de EXPOCoruña residentes da cidade e turistas amantes da boa cociña e de produtos gourmet. Chefs que suman 27 estrelas Michelín, máis de 200 expositores ou 65 relatores uníronse baixo algún dos sete espazos que albergaron a programación do Galicia Fórum Gastronómico, que contou coa colaboración do Goberno de Inés Rey para contribuír á dinamización do turismo e da gastronomía local; eixes que definen a cultura de vivir da cidade.
Polo auditorio de EXPOCoruña desfilaron varias das figuras máis prestixiosas da cocina coruñesa e nacional como Luis Veira (Árbore da Veira*), ( Xosé T. Cannas (Pepe Vieira** y *verde), Sergio Bastard (La Casona del Judío* y *verde), Lucía Freitas (A Tafona*), Pepe Solla (Casa Solla*), Javier Olleros (Culler de Pau** e *verde), Miguel González (O Pereiro do Aguiar*), David Yárnoz (El Molino de Urdániz** y *verde), Fernando 'Caco' Agrasar (As Garzas*), Álvaro Victoriano (presidente de Coruña Cociña y propietario del Grupo Peculiar), Moncho Méndez (Millo) o Quique Vázquez (Terreo).