A eclipse de Sol poderá seguirse con seguridade grazas ás 2.000 lentes que repartirá o Concello de Abegondo

ACoruñaXa
O municipio habilitará dous puntos privilexiados para contemplar o fenómeno e lembra as recomendacións para protexer a vista
eclipse familia
3 Aug 2026

O Concello de Abegondo distribuirá entre a veciñanza empadroada un total de 2.000 lentes homologadas para observar con seguridade a eclipse total de Sol que terá lugar o vindeiro mércores 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional no que o municipio será un dos lugares privilexiados de Galicia ao acadarse unha ocultación do disco solar de ata o 100%.

A entrega das lentes comezará este luns 3 de agosto na casa consistorial e prolongarase ata esgotar existencias. Cada persoa empadroada poderá recibir un par de lentes, cun máximo de tres por domicilio. Para recollelas será necesario facilitar os datos identificativos das persoas destinatarias.

Co obxectivo de facilitar a observación da eclipse, o Concello comunicou ao Goberno do Estado dous espazos especialmente adecuados para contemplar a fase de máxima ocultación. Trátase da contorna exterior do Restaurante O Pantano, xunto ao encoro de Abegondo-Cecebre, na parroquia de Orto, e do campo da feira de San Marcos, concretamente na zona alta situada detrás do novo centro de saúde.

A eclipse desenvolverase entre as 19.30 e as 21.20 horas, cunha duración aproximada de 1 hora e 50 minutos. O momento de maior intensidade producirase entre as 20.25 e as 20.35 horas, mentres que a máxima ocultación está prevista entre as 20.28 e as 20.30 horas.

O Concello fai un chamamento á cidadanía para que desfrute deste acontecemento con responsabilidade e lembra que observar directamente o Sol sen protección pode provocar lesións oculares graves.

Neste sentido, insiste en que unicamente deben empregarse lentes homologadas que cumpran a norma ISO 12312-2:2015. Ademais, advirte de que non son válidos métodos caseiros nin materiais como radiografías, lentes de sol superpostas ou lentes de soldador. Tampouco se debe mirar ao Sol mediante telescopios, prismáticos ou cámaras que non estean preparados especificamente para a observación solar.

0.11886692047119