A diversidade chega ás aulas de Oleiros con puntos informativos e obradoiros contra a LGTBIfobia

ACoruñaXa
O Concello de Oleiros desenvolverá actividades nos centros escolares entre o 11 e o 22 de maio con motivo do Día Internacional contra a LGTBIfobia
concello Oleiros
9 May 2026

O Concello de Oleiros porá en marcha unha nova campaña de sensibilización nos centros educativos co obxectivo de promover o respecto á diversidade afectivo-sexual e de xénero desde idades temperás. A iniciativa desenvolverase con motivo do Día Internacional contra a LGTBIfobia, que se conmemora o 17 de maio, e levará este ano o lema ‘Diversidade de presente, orgullo de futuro’.

As actividades celebraranse entre o 11 e o 22 de maio nos distintos centros escolares do municipio. A programación inclúe a instalación de Puntos Arco Iris durante os recreos, pensados como espazos de información, acompañamento e sensibilización. Neles, o alumnado poderá participar en pequenas dinámicas, resolver dúbidas e acceder a materiais divulgativos.

A campaña tamén contará con obradoiros en aula dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º e 2º da ESO. As sesións estarán adaptadas a cada etapa educativa e empregarán metodoloxías participativas para favorecer a reflexión e a aprendizaxe.

No caso de Primaria, os contidos centraranse na importancia de comprender e respectar a diversidade, identificar situacións de LGTBIfobia, tanto evidentes como máis sutís, e fomentar unha convivencia baseada na empatía, nos coidados e no respecto mutuo.

Co alumnado de Secundaria traballarase especialmente o pensamento crítico, a detección da desinformación e dos discursos de odio. As dinámicas tamén abordarán cuestións como a presión por opinar sobre todo, a procura de respostas simples ante realidades complexas ou a necesidade de aprender a distinguir entre opinións e mensaxes discriminatorias.

O obxectivo do Concello é contribuír a que os centros escolares sexan espazos máis seguros, inclusivos e libres de discriminación. Con esta campaña, Oleiros reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa defensa dunha sociedade na que todas as persoas poidan vivir e expresarse con liberdade.

0.12249398231506