A Deputación e o Concello de Bergondo avanzan no proxecto para eliminar o punto negro da DP-0810 en San Paio

A deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, mantivo unha reunión coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e co primeiro tenente de alcaldesa, Juan Fariña, co obxectivo de analizar o estado de tramitación do proxecto destinado a mellorar a seguridade viaria nun dos puntos máis conflitivos da estrada DP-0810, na parroquia de San Paio, á altura da contorna de Vila Julia.
No encontro, celebrado no Pazo provincial e no que tamén participou o equipo técnico redactor, informouse de que o proxecto continúa avanzando tras a obtención do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Con todo, para poder completar a súa redacción e seguir coas seguintes fases administrativas, resulta imprescindible contar coa autorización de ADIF, debido á afección dos traballos á zona de influencia da vía férrea.
Mónica Rodríguez subliñou que o proxecto “foi avanzando con paso firme desde o inicio” e destacou que, unha vez recibido o visto bo de Patrimonio, o equipo técnico non deixou de traballar para axilizar a súa execución. A deputada cualificou a situación como un problema de seguridade “grave e histórico” e reclamou a ADIF que desbloquee a autorización con urxencia, lembrando que “a seguridade viaria debe ser unha prioridade absoluta”.
A representante provincial tamén agradeceu á veciñanza a paciencia amosada durante anos de espera e incidiu en que a actuación prevista será compatible coa protección do patrimonio, ao tempo que buscará garantir a seguridade das persoas que circulan por este treito.
Pola súa banda, o goberno local de Bergondo agradeceu a “transparencia e colaboración” da Deputación ao longo de todo o proceso e pediu que se axilicen ao máximo os trámites pendentes para poder iniciar as obras canto antes. Desde o executivo municipal lembran que se trata dun problema que se arrastra desde hai máis de dúas décadas e que afecta directamente á seguridade da cidadanía.
Un punto negro viario de longa duración
O tramo da estrada DP-0810 comprendido entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+440, na zona de Vila Julia, presenta importantes deficiencias estruturais: calzada estreita, curvas de radio reducido, escasa visibilidade e ausencia de espazos peonís, a pesar de tratarse dun núcleo con vivendas e cun intenso tráfico, incluído o de vehículos pesados.
A Deputación da Coruña leva anos impulsando un proxecto de ampliación da vía e a creación dunha senda peonil, considerada unha actuación prioritaria e urxente. A súa tramitación viuse condicionada inicialmente pola falta de informe de Patrimonio e, na actualidade, pola necesidade de autorización de ADIF debido á proximidade da infraestrutura ferroviaria.
Unha vez se dispoña de todos os permisos, a institución provincial comprométese a executar a obra con axilidade e respecto aos elementos patrimoniais existentes, co obxectivo de dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Bergondo e eliminar un punto negro viario de longa duración.