A Deputación destina máis de 280.000 euros a programas para maiores en pequenos concellos

ACoruñaXa
A iniciativa busca combater a soidade non desexada e fomentar o envellecemento activo en 41 municipios da provincia
maiores-recurso
20 Jan 2025

A Deputación da Coruña destina este ano 280.556,49 euros a financiar programas de intervención social dirixidos a persoas maiores de 65 anos en concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes. O obxectivo principal destas axudas é combater a soidade non desexada e promover o envellecemento activo a través de actividades que melloren o benestar físico, social e emocional das persoas maiores.

A resolución provisional das subvencións, publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP), inclúe un total de 41 municipios beneficiados. Estes recibirán importes de entre 3.990 e 7.000 euros que permitirán desenvolver proxectos como obradoiros de memoria, actividades físicas, estimulación cognitiva, fisioterapia ou terapia ocupacional. As iniciativas poderán desenvolverse tanto en espazos públicos coma no propio domicilio das persoas maiores, ofrecendo unha atención complementaria aos servizos de axuda no fogar (SAF).

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, destacou a importancia deste programa no ámbito rural: “Con programas como este, a Deputación quere apoiar aos concellos máis pequenos na creación e mantemento de iniciativas que melloren o benestar das persoas maiores, especialmente en zonas rurais, onde a dispersión poboacional e o envellecemento agravan as situacións de illamento”. García Vidal subliñou tamén que estas accións buscan fomentar hábitos saudables, previr o deterioro físico e mental, e promover a autonomía persoal.

As subvencións tamén inclúen proxectos que fomentan a interacción social e comunitaria, como actividades interxeracionais ou programas de voluntariado enfocados ás persoas maiores. Estes programas axudan a combater o illamento social e a dinamizar as comunidades rurais.

Ademais, esta liña de axudas súmase a outras iniciativas da Deputación, como o POS Social, que no 2025 destina 7 millóns de euros ao reforzo dos servizos e programas sociais dos concellos. A institución provincial reafirma así o seu compromiso co benestar social e coa promoción dunha vida digna para as persoas maiores.

A listaxe completa de concellos beneficiados e os proxectos subvencionados pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia.

0.16352510452271