A Deputación da Coruña pecha as axudas de Política Social con máis de 330 solicitudes e 13,4 millóns de euros en xogo

A Deputación da Coruña pechou o prazo das convocatorias de subvencións de concorrencia competitiva da área de Política Social para o exercicio 2026 cun balance de máis de 330 solicitudes presentadas por entidades sociais e concellos. En total, o orzamento global destas liñas de axuda ascende a 13,4 millóns de euros, destinados a reforzar os servizos sociais, os coidados, o envellecemento activo e a atención comunitaria en toda a provincia.
A deputada responsable da área, Mar García Vidal, salientou que o volume de peticións confirma a relevancia destas axudas para soster o traballo diario das asociacións e das administracións locais e, ao mesmo tempo, evidencia a necesidade de seguir reforzando os servizos sociais de proximidade.
No apartado dirixido ás entidades sociais, as solicitudes repártense entre diferentes liñas, cun orzamento conxunto arredor dos 3,7 millóns de euros. Hai 900.000 euros para apoiar centros e recursos de servizos sociais, que recibiron 47 solicitudes, e outros 900.000 euros para programas de servizos sociais e apoio comunitario, con 69 peticións. As axudas para investimentos, obras e melloras en centros (1 millón de euros) concentraron 76 solicitudes, mentres que a adquisición de vehículos para entidades sociais (400.000 euros) sumou 15 solicitudes. A liña para programas sociosanitarios e de voluntariado, dotada con 500.000 euros, contabilizou 31 solicitudes.
En canto aos concellos, a partida máis elevada é a destinada ao mantemento e reforzo dos servizos sociais comunitarios, con 9,1 millóns de euros e 81 solicitudes. Segundo a Deputación, con cargo a esta liña fináncianse cada ano case 400.000 horas de servizo de axuda no fogar e a contratación de máis de 180 profesionais do eido social nos municipios. Ademais, as subvencións para a compra de vehículos para servizos sociais municipais (100.000 euros) rexistraron 20 solicitudes, e as axudas para programas municipais de envellecemento activo (511.000 euros) chegaron a 68 solicitudes, cun incremento notable respecto ao ano anterior.
Desde a área de Política Social subliñan que este balance consolida estas convocatorias como unha ferramenta clave para promover a igualdade de oportunidades e reforzar a cooperación entre a institución provincial, os concellos e o tecido social, especialmente na atención ás persoas maiores e aos colectivos máis vulnerables.