A Deputación da Coruña destina 100.000 euros ao Banco de Alimentos para atender a miles de persoas vulnerables

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
O convenio permitirá financiar a compra de produtos básicos e os gastos de persoal da entidade, que repartiu preto de 1,7 millóns de quilos de alimentos en 2025 a través de 144 organizacións sociais
DIPU CORU banco alimentos
26 Oct 2026

A Deputación da Coruña achegará 100.000 euros ao Banco de Alimentos Rías Altas para reforzar o seu labor de atención ás persoas e familias en situación de vulnerabilidade económica e social. O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e o responsable da entidade, Manuel María Mora, formalizaron este luns o convenio de colaboración na sede provincial. No acto tamén participou a deputada de Política Social, Mar García Vidal.

A achega permitirá sufragar a adquisición de alimentos de primeira necesidade e parte dos gastos de persoal necesarios para garantir o funcionamento dos almacéns e a distribución dos produtos en toda a provincia. A contribución da Deputación representa o 71 % do orzamento total do proxecto, que ascende a 140.690 euros.

Do importe previsto, 78.590 euros destinaranse á compra de alimentos, mentres que os 62.100 euros restantes cubrirán custos de persoal vinculados á coordinación, á administración e ao transporte dos produtos.

Durante a sinatura do acordo, González Formoso puxo en valor o traballo do Banco de Alimentos para dar resposta ás necesidades básicas de miles de familias e destacou a importancia da cooperación entre as administracións públicas e as entidades sociais na loita contra a pobreza e a exclusión. Tamén salientou o papel do voluntariado e da rede de organizacións colaboradoras para facer chegar os alimentos a quen máis os necesita.

Máis de 25.000 persoas atendidas en 2025

O Banco de Alimentos Rías Altas distribuíu durante o pasado ano un total de 1.679.614 quilos de alimentos a través de 144 entidades sociais colaboradoras. A actividade permitiu atender 25.181 persoas na provincia da Coruña.

A entidade conta con catro almacéns de distribución repartidos entre A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela. Na área coruñesa, onde dispón de dúas instalacións, repartíronse 1.160.739 quilos de alimentos a través de 73 organizacións, que atenderon 19.379 persoas.

Pola súa banda, o almacén de Ferrol distribuíu 285.336 quilos de produtos alimentarios mediante 18 entidades sociais, chegando a 1.416 persoas. En Santiago de Compostela repartíronse outros 233.539 quilos a través de 54 organizacións colaboradoras, que prestaron atención a 4.386 beneficiarios.

A rede de distribución está integrada por comedores sociais, asociacións benéficas, centros asistenciais, parroquias e outras institucións que traballan directamente con persoas que atravesan dificultades económicas.

O persoal e o voluntariado, claves para a distribución

O convenio tamén contribuirá a manter os recursos humanos necesarios para coordinar a actividade dos almacéns e asegurar o traslado dos alimentos. O proxecto contempla a continuidade dunha coordinadora responsable da xestión administrativa e da supervisión das instalacións, a contratación dunha auxiliar administrativa para o almacén de Santiago e o mantemento dun posto de condutor encargado de transportar produtos entre os centros e recoller alimentos procedentes de campañas solidarias.

Este equipo profesional complementa o labor duns 80 voluntarios fixos, aos que se suman centos de persoas que colaboran puntualmente nas campañas de recollida e noutras iniciativas solidarias.

Fundado en 2010 e declarado entidade de utilidade pública en 2014, o Banco de Alimentos centra a súa actividade na recuperación e distribución gratuíta de excedentes alimentarios. O seu traballo contribúe tanto a paliar as necesidades das persoas con menos recursos como a reducir o desperdicio de alimentos.

0.15525507926941